Villares quere acabar en León coa mala serie: "Está a ser un xaneiro moi complicado"
O cadro coruñés só sumou cinco puntos nos últimos sete partidos
Malia os malos resultados, está a dous puntos do ascenso directo
Os meses de decembro e xaneiro estánselle atragoando ao Deportivo. O cadro coruñés xogou sete partidos e só foi quen de gañar un. Cinco puntos sobre 21 posibles que aproveitaron outros conxuntos para adiantalo na clasificación.
"Está a ser un mes de xaneiro moi complicado" recoñeceulle á Televisión de Galicia o centrocampista chairego Diego Villares.
Malia iso o Deportivo está metido en postos de play off e a só dous puntos do ascenso directo, posto que ocupa o Castellón. O Rácing, líder da categoría, distánciase ata os sete puntos despois da última vitoria no campo de Riazor.
Nesas condicións acudirá ao Reino de León para xogar diante da Cultural, outro equipo que está pasando por un momento complicado. Dos últimos seis partidos só sacou puntos en dous, e foron con empates contra o Andorra e a Real Sociedade B. Os malos resultados levárono dunha zona cómoda ata colocarse ao bordo do descenso.
O partido poderá verse en directo na Televisión de Galicia este sábado a partir das 18:30 horas.