Vilarreal e Juventus deixan a resolución da eliminatoria para Turín
Empate no Madrigal (1-1) nun partido moi igualado na ida dos oitavos da Liga de Campións
O Chelsea, vixente campión, encamiñou a eliminatoria diante do Lille (2-0)

Trinta segundos tardou a Juventus en marcar o primeiro gol da eliminatoria. Fíxoo o debutante na Liga de Campións Vlahovic, fichaxe estelar do equipo italiano no mercado de inverno. Todo se poñía en contra do Vilarreal nun abrir e pechar de ollos.

Pero o equipo do adestrador formado en Ferrolterra, Unai Emery, non perdeu a esperanza. Tivo un lanzamento de Lo Celso á escadra e un remate co calcaño de Danjuma para empatar na primeira parte. Tamén á contra a Juventus, coa velocidade de Morata e Vlahovic, puido facer un segundo gol.
O empate chegou mediado o segundo tempo, gol anotado por Dani Parejo. O equilibrio de forzas foi máximo e todo queda pendente do que aconteza en Turín. Será unha eliminatoria moi emocionante e na que hai que ter en conta a nova norma deste ano na Champions, xa que os goles marcados fóra da casa xa non teñen ese valor determinante.

O Chelsea, vixente campión da Champions e do Mundial de Clubs, impúxose por 2-0 diante do sorprendente Lille, líder do seu grupo na primeira fase. O equipo londiniense encamiñou cedo o partido cun tanto do alemán Havertz e foi cociñando a lume lento o seu rival ata que Pulisic (minuto 63) marcou o gol definitivo.