Vigo acolle unha exhibición espectacular das unidades de intervención da Policía Nacional
Expectación do público ao ver a actuación da brigada de cabalaría e da unidade de guías caninos
O obxectivo é dar a coñecer a imaxe da Policía Nacional como un servizo de proximidade
Vigo está sendo, desde o xoves pasado a sede das celebracións dos actos do Día da Policía Nacional que se festaxará o 2 de outubro. Haberá exposicións, concertos e relatorios en distintos lugares da cidade co obxectivo de achegarlle á xente da rúa como e con que medios opera este corpo de seguridade que leva en pé 201 anos.
Celébranse relatorios, concertos, exposicións coma a dos vehículos e medios aéreos, preto do R. C. Náutico, e o máis espectacular e o máis didáctico é unha exhibición no auditorio de Castrelos. Nas bancadas, cheas, moitas familias e moitos nenos e nenas que puideron ver unidades de intervención policial que son case imposibles de ver na rúa. No centro do auditorio, policías da 38 e 40 promoción enfrontáronse a supostos delincuentes reducíndoos con artes marciais. TEDAX, NRBQ, GEO, e os máis aplaudidos por Vigo, a brigada de cabalaría e a unidade de guías caninos.
"A nosa filosofía e darlle a coñecer á cidadanía as funcións policiais, achegarnos a eles, facerlles ver que somos unha policía de proximidade e que estamos para axudar. Que poidan achegarse a coñecer as nosas distintas unidades, guías caninos, TEDAX, os nosos medios aéreos... ao final somos moitos e facemos cousas moi diferentes e gústanos que os cidadáns poidan achegarse a nós e ver os medios cos que contamos", explica a TVG Ana Ramón, voceira da Policía Nacional.
"Estamos aquí para axudar tanto a nenos coma a maiores. Pero sobre todo estamos moi encarados aos nenos, ás novas xeracións para que saiban que estamos para axudalos" explica María Buyo, voceira en Vigo da Policía Nacional.