Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vicente Raimundo, de Save The Children: "En Gaza morreron xa de fame 27 nenos"

Vicente Raimundo, de Save The Children: "En Gaza morreron xa de fame 27 nenos"

O director de Cooperación Internacional de Save The Children en España denuncia que os niveis de desnutrición en Gaza se incrementan a unha velocidade nunca vista "nos últimos cincuenta anos"

Vicente Raimundo, director de Cooperación Internacional e Acción Humanitaria de Save The Children (savethechildren.es)
G24.gal 03/04/2024 10:37

O director de Cooperación Internacional de Save The Children en España, Vicente Raimundo, lembra que desde outubro morreron máis de 30.000 persoas na Franxa de Gaza, das que a metade "eran nenos e nenas".

Nunha entrevista na Radio Galega, Vicente Raimundo compara a situación que se vive en Gaza coa da Segunda Guerra Mundial, xa que os números non teñen precedentes recentes: "As vítimas representan un 70 por cento de mulleres e nenos. Non hai precedentes de tantos cooperantes asasinados, máis de 200; xornalistas asasinados, 100; ataques á misión médica; destrución de escolas...".

Raimundo denuncia que Israel impide a chegada da axuda humanitaria que podería salvar milleiros de vidas: "Temos os recursos, a vontade, a capacidade para, esta mesma mañá, iniciar unha operación humanitaria xigantesca que significaría a diferenza entre a vida e a morte para milleiros de persoas. E non podemos porque non nos deixan".

O responsable da oenegué asegura que Israel sabe en todo momento a situación exacta dos cooperantes que traballan en Gaza e dubida de que o asasinato dos 7 traballadores da oenegué World Central Kitchen vaia marcar unha diferenza: "Un suceso igual de grave, se non máis, que o que sucedeu onte descubrimos dous días antes: todo o sucedido no hospital Al-Shifa. Houbo declaracións de médicos internacionais falando de execucións sumarias a médicos e a enfermos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade