Publicador de contidos

Publicador de contidos

Paula Prado: "O Goberno galego traballa para que Galicia sexa un referente industrial"

Paula Prado: "O Goberno galego traballa para que Galicia sexa un referente industrial"

A secretaria xeral do PPdG acusa a Sánchez de alimentar a confrontación e de empregar un vocabulario  de "guerra civil"

A número dous dos populares reclama un sistema de financiamento autonómico que se negocie entre todos 

 

 

G24.gal 06/09/2026 09:30 Última actualización 06/09/2026 09:40

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia acusa o Goberno central de non actuar ante a crise en Ceuta.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Paula Prado referiuse ao acontecido como "unha invasión de Marrocos". Engadiu que "toda España" está indignada "co que está vendo, co que non está a facer o Goberno”.

Tamén lamentou que o BNG e o PSdG non se sumasen ás concentracións convocadas o mércores pasado pola Federación Española de Municipios e Provincias en solidariedade co pobo ceutí. Unhas protestas que, segundo dixo, se celebraron en dous de cada tres concellos galegos e nas que o PP se implicou.

"Este verán estivo moi marcado pola invasión de Marrocos sobre Ceuta. A verdade é que vivimos unha situación política insólita, na rúa non se falaba doutra cousa... Creo que toda España está indignada co que se está vendo, co que non está a facer o Goberno”.        

A número dous dos populares galegos acusou a Pedro Sánchez de ser “moi hostil co rei de España e moi manso co de Marrocos” e de non dar o talle para ser o presidente de España.

“Pedro Sánchez non está á altura de ser o presidente deste país. Non é capaz de protexer as nosas fronteiras, de resolver a situación que se está dando en Ceuta, onde os rapaces non poden ir ó colexio e onde cada día hai violacións e agresións sexuais a mulleres e nenas”

Engadiu que o presidente do Goberno mira para outro lado e que isto responde ao “falso feminismo da esquerda”.

“Que leve el as súas fillas alí a ver se lle gustaría que as rodeasen cinco ou seis homes e lles provocasen o medo que están a vivir as mulleres en Ceuta”.

Tamén acusou a Pedro Sánchez de “alimentar a confrontación política” e de empregar un vocabulario propio da guerra civil.

“Dende que goberna, Pedro Sánchez alimenta constantemente esa confrontación política con ese vocabulario, diría eu, 'guerra-civilista', os bos e os malos, uns contra outros, algo que en España había moito que non se vía. Non sei se Pedro Sánchez anhela a época de Franco porque non o saca da boca para enfrontarnos aos españois”.

Financiamento autonómico

A secretaria xeral do PPdG censurou a reforma do sistema de financiamento autonómico que acaba de aprobar o Consello de Política Fiscal e Financeira cos únicos votos de Cataluña e as Canarias.

Paula Prado indicou que só están a  pedir un "financiamento axeitado" para Galicia.

“Non pode ser que teñamos o 6% da poboación de España e que nos queiran dar o 2,5% dos fondos do financiamento autonómico porque lles queiran dar máis a outras comunidades como Cataluña e o País Vasco. Nós non queremos máis ca ninguén pero tampouco menos e o que é de todos negóciase entre todos”.

Uns fondos que, segundo explicou, servirían para mellorar servizos públicos como a educación e a sanidade.

“Tamén queremos máis médicos porque hai moitísima tensión nos centros de saúde e nos hospitais por falta de especialistas. Estánse a xubilar moitísimos médicos e o Goberno de España non nos facilita formar máis facultativos”.

SAIC MOTOR

A secretaria xeral do PPdG salientou a aposta da Xunta para atraer novos proxectos industriais como o comprometido en Ferrol e nas Pontes por SAIC MOTOR, o maior fabricante chinés de vehículos eléctricos. Segundo lembrou, o xigante chinés, propietario da marca MG, prevé crear 2.000 postos de traballo na nosa comunidade.

"O goberno galego está centrado en conseguir que Galicia sexa un referente e un polo atractivo para o investimento industrial".

Paula Prado indicou que o goberno galego se afasta dos "debates ideolóxicos estériles" e céntrase en "buscar futuro para Galicia"  porque o que quere a poboación" é que  a xente quede a traballar en Galicia e que haxa futuro para os máis novos".

Transferencia AP-9

A número dous dos populares galegos indicou que o PP sempre defendeu a AP-9 a diferenza, segundo dixo, do BNG.  

“Dende que se construiu a AP-9 vimos unha evolución. Nós sempre apostamos pola súa construción. O Bloque Nacionalista Galego, aínda que moitos o esqueceron, falaba da AP-9 como a navallada de Galicia e agora son os primeiros que se poñen diante da pancarta para defendela”.

Con todo, sinalou, "non  defenden a AP-9 que defendemos todos os galegos". Ao  seu xuízo, tanto o Bloque como o PSOE "venderon" o acordo unánime acadado no Parlamento de Galicia para a transferencia da autoestrada do Atlántico.

“O Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego venderon ese acordo  para mellorar os intereses de Pedro Sánchez… Se a transferencia se materializa como a pactaron pódelle supoñer a Galicia máis de 4 mil millóns de euros”.

Paula Prado lembrou que  o goberno galego solicitou unha reunión bilateral co executivo do Estado para negociar esa transferencia de maneira que non sexa "unha hipoteca para Galicia".

Orzamentos do Estado

A secretaria xeral do PPdG asegurou que o país está "paralizado" porque non hai Orzamentos Xerais do Estado.

Unha circunstancia á que atribuiu a falta de infraestruturas na provincia de Lugo, "a máis castigada".

Paula Prado lamentou que aínda non haxa data para a finalización da autovía A-54 que conectará Santiago con Lugo e que só ten pendente de completar o treito Arzúa-Melide.

“Se non hai orzamentos do Estado dificilmente se poden materializar estes proxectos e, polo tanto, que non nos diga Pedro Sánchez  e o seu Goberno que por non ter presupostos non pasa nada. Claro que podemos seguir adiante pero co piloto automático e non con novos proxectos”.

Paula Prado tamén se referiu á situación do ferrocarril en Galicia, que cualificou de “broma de mal gusto”.

“Todo este empeoramento da xestión do ferrocarril é atribuíble unica e exclusivamente ao Goberno de España. A verdade é que eu non sei a que se dedican porque a mellorar os servizo públicos non”.

Noutra orde de cousas e preguntada polas relacións co BNG e co PSdG, Paula Prado indicou que o diálogo é complicado con partidos que, na súa opinión, "están á valga".

“Resulta complicado dialogar cun partido independentista que ten como aliado a Bildu. Son os herdeiros de Eta por moito que o queiran tapar…. E o PSdG tamén está á valga porque apoia as políticas nefastas de Sánchez para Galicia poñendo os intereses partidistas por riba dos dos galegos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade