Publicador de contidos
Publicador de contidos

Venezuela advírtelle a España que non permitirá ningunha inxerencia en asuntos internos

Venezuela advírtelle a España que non permitirá ningunha inxerencia en asuntos internos

O Executivo de Maduro chamou tamén a consultas a súa embaixadora acreditada en España, Gladys Gutiérrez

G24.gal 13/09/2024 19:59

O embaixador de España en Caracas, Ramón Santos, reuniuse este venres co ministro de Exteriores de Venezuela, Yván Gil, tras ser chamado a consultas, ao considerar o Executivo de Nicolás Maduro que se produciu unha deterioración nas relacións pola "inxerencia" de membros do Goberno de Pedro Sánchez en asuntos do país caribeño, que este "non permitirá".

Segundo unha nota compartida por Gil en Telegram, durante o encontro, o chanceler manifestoulle ao diplomático que Venezuela non permitirá "ningunha acción inxerencista por parte do Goberno de España en asuntos que son de competencia exclusiva dos venezolanos e venezolanas".

O ministro venezolano, cualificou este xoves como "insolentes, inxerencistas e groseiras" as declaracións da ministra de Defensa española, Margarita Robles, para quen o Goberno de Maduro é unha "ditadura".

O Executivo de Maduro chamou tamén a consultas a súa embaixadora acreditada en España, Gladys Gutiérrez.

Pola súa banda, o Executivo español optou por rebaixar a escalada de tensión aberta entre Caracas e Madrid e cualificou como "soberana" a decisión do Goberno chavista de convocar a Santos e chamar a consultas ao seu representante na capital española.

O ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, insistiu na vontade de buscar "as mellores relacións posibles co pobo irmán de Venezuela" e de velar polos intereses da comunidade e as empresas nacionais no país latinoamericano.

A tensión entre ambos os países prodúcese logo de que o Congreso español, co voto en contra do gobernante Partido Socialista, acordase recoñecer como presidente electo das eleccións do 28 de xullo en Venezuela o abandeirado da oposición maioritaria, Edmundo González Urrutia, exiliado desde o domingo no país europeo, onde solicitou asilo.

En resposta, o Parlamento venezolano, controlado polo chavismo, propuxo o mércores elaborar unha resolución, que espera aprobar, para instar a Maduro a romper "todas as relacións" diplomáticas, consulares, económicas e comerciais con España.

O xoves, González Urrutia foi recibido polo presidente do Goberno español, o socialista Pedro Sánchez, quen asegurou que o seu país vai seguir traballando en favor da democracia, o diálogo e os dereitos fundamentais do pobo venezolano.

O líder opositor pediu asilo debido á "persecución" que dixo sufrir despois das presidenciais do 28 de xullo.

O Consello Nacional Electoral deulla vitoria a Maduro.

Con todo, a oposición insiste en que o vencedor foi González Urrutia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade