O culto a Mao perdura na China 50 anos despois da súa morte
A figura do fundador do PCCh e da República Popular da China segue a sobrevoar a esfera política destacando os seus méritos e minimizando os seus erros
A efemeride do seu falecemento pasou sen grandes eventos, reservados segundo o protocolo do Estado para os aniversarios dos nacementos
Imaxe de Mao na praza de Tiananmen. Arquivo (Reuters/Go Nakamura)
Pasou medio século da morte de Mao Zedong, fundador da China moderna e do Partido Comunista Chinés (PCCh), e a súa figura continúa a ocupar un lugar central na vida do país.
Mao segue a ser esa personalidade sobre a que se asenta a lexitimidade do partido e do Estado, aínda admitindo erros, algúns deles incluso desastrosos para á China, pero que se minimizan no relato histórico.
O feito de que non houbese grandes eventos para recordar os 50 anos do seu falecemento non supón, segundo os expertos e analistas da política chinesa, un distanciamento respecto ao vello líder.
Un protocolo do ano 1996 establece que non se organizan conmemoracións polos aniversarios dos falecementos dos antigos líderes, resérvanse para os seus nacementos.
Así, este 9 de setembro non houbo un grande acto na praza de Tiananmen, onde está o mausoleo que garda o seu corpo embalsamado.
Si, en cambio, milleiros de persoas acudiron a Shaoshan, localidade natal de Mao Zedong, para recordar estes 50 anos da súa morte. Alí, entre bandeiras vermellas, retratos e cancións revolucionarias, reivindicaron o legado do indiscutible líder do comunismo chinés.
Méritos e erros
Cinco anos despois da morte de Mao, en 1981, o PCCh estableceu a fórmula para preservar o seu legado, admitindo erros, pero establecendo que os seus méritos pesan moito máis.
Así, algúns dos episodios máis traumáticos, como a Revolución Cultural (1966-1976), cualificáronse de grave calamidade e recoñéronse problemas vinculados á campaña do Gran Salto Adiante, que segundo estimacións académicas foi causa da fame negra que deixou entre 16 e 30 millóns de mortos.
O analista Xulio Ríos, autor recentemente do libro A China: a modernización permanente, explica á Axencia EFE que esa fórmula adoptada polo PCCh permite recoñecer os graves erros de determinadas etapas sen transformar esa revisión nunha impugnación da traxectoria do Partido. Mao, resume Ríos, pode ser obxecto de crítica histórica, pero non de deslexitimación política.
Ríos aprecia ademais baixo Xi Jingping unha recuperación dun Mao máis visible e máis reverencial que durante a etapa de Deng Xiaoping, cuxas reformas afastaron a China do modelo económico maoísta.
O analista explica que o denguismo necesitaba establecer unha distancia con determinados aspectos do maoísmo para xustificar o xiro reformista, mentres que baixo Xi se subliña máis a continuidade histórica entre Mao, Deng e o actual dirixente.
Para Ríos, casos como a condena ao artista Gao Zhen por realizar esculturas satíricas de Mao, mostran unha das fronteiras na xestión contemporánea do líder chinés: o sistema admite recoñecer erros dentro do marco histórico establecido, pero tolera moito menos que se ataque a súa condición simbólica de fundador.