Lugo dará este luns o seu último adeus á alcaldesa Paula Alvarellos
Lugo viviu este domingo a segunda xornada de loito oficial pola morte de Paula Alvarellos
Dirixentes políticos e alcaldes de todas as cidades de Galicia pasaron polo consistorio lugués e puideron asinar no libro de condolencias
Lugo rende homenaxe á súa alcaldesa, Paula Alvarellos, falecida tras sufrir un infarto

Por desexo da familia, Paula Alvarellos será despedida na máis estrita intimidade. Este luns o salón de plenos continuará aberto durante toda a mañá. Para as cinco e media da tarde está previsto un funeral na catedral de Lugo.
Durante a xornada do domingo, diversos representantes políticos, entre eles o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e varios alcaldes sumaron as súas condolencias ás dos veciños de Lugo polo falecemento da súa alcaldesa, a socialista Paula Alvarellos.
Rueda sinalou que Alvarellos era unha persoa "próxima" e sempre centrada nos temas que lle preocupaban, coa que traballou "moi ben" e á que cre que se botará "moito de menos".
Gómez Besteiro, quen xa asinou onte no libro de condolencias, estivo acompañado durante toda a mañá pola deputada socialista Lara Méndez, antecesora de Alvarellos na alcaldía, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
O municipio de Lugo viviu a súa segunda xornada de loito oficial pola morte de quen era a súa alcaldesa desde xaneiro do ano pasado e faleceu onte sábado no hospital, tras o infarto que sufriu o día anterior cando se dirixía ao pregón do Entroido na cidade.
Tras o minuto de silencio de onte pola noite quedou aberto no salón de plenos do Concello o libro de condolencias onde foron asinando entre as 10 e as 14 horas, e poderán seguir facéndoo mañá no mesmo horario, todas as persoas que quixeron dar o seu último adeus a Alvarellos.
Este domingo non deixaron de pasar persoas para asinar no libro e acompañar a súa familia e compañeiros de corporación, entre eles o tenente de alcaldesa e portavoz do BNG, Rubén Arroxo, que asumiu o mando temporalmente ata que o PSdeG decida quen será o novo dirixente municipal.

Polo salón de plenos pasaron ademais o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, xunto con varios membros da corporación viguesa; os de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, ambos os dous do BNG; e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, entre outros representantes políticos e institucionais.
Todos eles destacaron a calidade humana de Alvarellos e a "conmoción" que supuxo a súa morte, segundo dixo Caballero, quen resaltou a súa "capacidade de comunicación e proximidade" e que, en só un ano, foi capaz de transmitir que era "unha grande alcaldesa".
