Veciños do Rabado, en Rianxo, teñen que facer percorridos máis longos polo derrubamento dun muro
Veciños do Rabado, en Rianxo, teñen que facer percorridos máis longos polo derrubamento dun muro
O derrubamento dun muro sobre o camiño que atravesa o lugar do Rabado, na parroquia rianxeira do Araño, impide o paso de coches e outros vehículos maiores por aí.
De lado a lado hai unha pancarta que expresa o mesmo sentir que a dona da casa. Di que a parede caeu como consecuencia da gabia feita para meter a tubaxe da auga da traída veciñal.
Está así desde primeiros de xullo e desde entón interrompeuse o camiño habitual para a recollida do lixo, para o transporte escolar e para desprazamentos particulares desde aldeas lindeiras.
Agora teñen que dar máis volta. Así e todo, ninguén atendeu a invitación a expresar publicamente os prexuízos por isto. Unha das vías alternativas é esta pista acabada de asfaltar polo concello de Rianxo desde A Ermida.
O alcalde de Rianxo dixo que a vía quedará expedita nuns quince ou vinte días, que o Goberno municipal xa ten previsto o proxecto para a retirada da pedra e deixar o muro seguro.
Engadiu que en principio o Concello afrontará o pagamento dos traballos, pero a destinataria final da factura será a propiedade da casa.