Varios concellos de Ourense restrinxen o uso da auga pola seca
Os veciños procuran usar a pouca auga que hai no depósito para o consumo humano, e para o resto teñen pequenas alternativas
O 9 de xullo o Concello de Toén xa lles deixara un aviso aos veciños de San Fiz de que a auga escaseaba, que no depósito só quedaban 20 centímetros e que cumpría facer un consumo racional.
"Estamos restrinxindo a auga ao máximo. Está prohibido regar, lavar os coches e traemos auga dunha fonte cos tractores", di un veciño.
Pouco máis dunhas pingas bota a fonte de San Fiz. Os veciños procuran usar a pouca auga que hai no depósito para o consumo humano, e para o resto teñen pequenas alternativas.
"Agora si é grave porque este ano non hai nada", di unha veciña.
Uns 20 días levan xa con esta escaseza e o Concello viuse na obriga de encher os depósitos con auga traída de Ourense nun camión cisterna. Aí precisamente está chegando e posiblemente non sexa o último, pois de momento, perspectivas de chuvia non hai.