Publicador de contidos

Publicador de contidos

O porto de Vilanova de Arousa sofre unha vaga de roubos

O porto de Vilanova de Arousa sofre unha vaga de roubos

Rouban combustible e aparellos en varias embarcacións de marisqueo 

A confraría de Vilanova pídelle a Portos de Galicia que o sistema de viodeovixilancia sexa efectivo

G24.gal 16/03/2023 14:27

En Vilanova as embarcacións de marisqueo están en paro biolóxico, aínda así hoxe houbo mariñeiros que se achegaron igualmente botarlles unha ollada ás súas lanchas. Están preocupados.

A confraría de Vilanova ten constancia de que nos últimos cinco días se produciron roubos en varias das embarcacións de marisqueo, aquí e tamén en portos veciños.

Lino Díaz, patrón maior da confraría de Vilanova de Arousa, confirma que dende a noite do sábado ata hoxe teñen coñecemento de catro roubos, e engade: "Esta mañá chamoume o presidente do Carril, que viu a noticia na prensa e que dixo, a nós tamén nos roubaron".

O modo de proceder é sempre o mesmo. Acceden ao compartimento onde se gardan os depósitos de combustible, e lévanos; ou subtraen directamente a gasolina dende o tanque. Tamén rouban aparellos. Estes últimos días sucedeuse un roubo tras outro, pero non é a primeira vez. Moitos mariñeiros atracan e levan todo da embarcación, para evitar males maiores.

Joaquín José Señoráns García, mariñeiro, relata: "Roubáronme o raño con vara e todo, tamén me roubaron o depósito de gasolina".

Luis Miguens García, presidente das embarcacións de marisqueo, calcula: "O raño custa entre 100, 110 euros e o depósito por aí anda tamén. E despois o que che leven de gasolina dentro".

Son danos e perdas das que ninguén se fai cargo. As embarcacións están atracadas neste pantalán, que conta cun sistema de videovixilancia de Portos de Galicia. 

Lino Díaz, patrón de Vilanova, sostén: "As cámaras de Portos non funcionan, eu estiven en Portos onte. Falei con Portos en Pontevedra e falei co director de Portos tamén, e dinme que están xestionando".

Ademais de contactar con Portos de Galicia para que activen as cámaras, a confraría de Vilanova solicitoulles tamén ao Concello, á Garda Civil e á Policía Local que intensifiquen as vixilancias nesta zona portuaria. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade