Vaga de roubos en vivendas do concello de Toén
O concello de Toén emitiu un bando en que alerta de varios asaltos en casas e pide precaución e colaboración
Vaga de roubos nos concellos ourensáns de Toén e Barbadás. A Garda Civil ten constancia de cinco denuncias de asaltos en casas unifamiliares. Aproveitan que están baleiras para entrar e buscar algo de valor. Nun dos chalés entraron mesmo cando había alguén dentro, pero por sorte estaba na planta de arriba e non se decatou.
Nunha das casas asaltadas de Mugares, no concello ourensán de Toén, entraron forzando unha fiestra lateral da planta baixa cando o fillo do propietario estaba dentro, no faiado. Roubaron xoias e cartos e fuxiron. Intentárono noutra vivenda próxima, sen éxito. Na terceira, levaron tan só roupa da cama segundo a denuncia que puxeron as vítimas do roubo na Garda Civil. Un bando do Concello de Toén advirte desta vaga de roubos e pide precaución á veciñanza e colaboración.
Os ladróns asaltaron outras dúas casas máis, no próximo Piñor, pero xa do concello de Barbadás. O botín en total nos cinco roubos denunciados non supera os 3.000 euros. A Garda Civil sospeita que se trata dunha banda itinerante que está a asaltar outras vivendas en Galicia.