Publicador de contidos

Unzué: "Messi xa non está, pero Aspas si e o seu ciclo non está terminado"

Unzué: "Messi xa non está, pero Aspas si e o seu ciclo non está terminado"

O Celta de Coudet lémbralle ao que adestrou el

A ELA afecta 4.000 persoas, pero ás veces séntense invisibilizados

Unzúe na súa etapa como adestrador do Celta
G24.gal 03/11/2021 16:10

Por Zona Mixta pasou alguén que coñece ben o Celta e aínda mellor o Barça, que se enfrontan este sábado. Foi adestrador en Vigo e xogador e técnico no Barcelona, entre outros: Juan Carlos Unzúe.

"A todos nos gusta que nos traten con cariño e respecto. Os tóxicos, lonxe. O que eu estou sentindo neste ano e medio é moi bonito, o agarimo da xente. A min falar da miña paixón, o fútbol encántame. Pero agora estou centrado en dar visibilidade á ELA”, afirmou.

Diante dun partido entre dous dos seus equipos, Unzúe non amosa preferencias. E falaba da situación do Barcelona canto a adestradores, contorno e xogadores

"Cando se enfrontan dous equipos onde estiven, téñoo fácil: vou co que gañe. Vaime dar alegría que gañe Barça ou Celta, vai ser un partido interesante polas necesidades dos dous"

"O que demostra esta época de Ronald Koeman, se despois como adestrador non consegues estar á altura, non vale de moito o pasado. O ano pasado fixo unha gran tempada, se nos din o de asinar por estes anos, todos o fariamos. Non sei que pasou no verán", di de Koeman.

"Creo que hai que pelexar ata o último minuto, non lle favoreceu a mensaxe que deu e non podes facer dubidar os xogadores. Non me gustou a mensaxe destes dous últimos meses. A fichaxe de Xavi fará que se silencie o ruído que se quere parar, pero a decisión va máis aló”

"Xa Laporta confiara na súa primeira etapa nunha persoa sen moita experiencia: Guardiola. Está actuando de novo dese xeito. Eu tiña claro que Xavi ía chegar antes ou despois. É moi importante coñecer o club ao que chegas, é o seu caso", di sobre o futuro inquilino do banco.

"Xavi nos seus primeiros anos foi moi criticado como xogador. No Nou Camp tamén tiña moitos que non o vían con bos ollos. Por sorte para el e o Barça deu a volta ás críticas por eloxios"

Ten claro o ex preparador de porteiros do Barcelona que non se pode meter presión nin a Iago Aspas nin a súa contorna, incluíndo alguén ao que coñece ben: Luis Enrique

"Como coñezo moi ben a Luis Enrique é imposible convencelo cun whatsapp! Aspas foi transcendente para o Celta, este non o está a ser tanto. Os mellores números da súa carreira fíxoos cando eu estiven como adestrador, pola idea colectiva de xogar lonxe da nosa área"

"Con esa idea ofensiva lucían Pione Sixto, Lobotka, Wass e, por suposto, Aspas. A min a idea de Coudet encantoume en canto chegou, lembrábame ao que eu adestrei: xogar xuntos, en campo rival, roubar tras perda moitas veces... o contrario estaba agoniado"

"Dáme a sensación de que agora xoga máis longo. No golpeo de idas e vidas fai que sufra máis o Celta este ano. Se en Barcelona pensan que Ansu Fati vai ser o sucesor de Messi, vanlle facer un fraco favor ao xogador e ao equipo. Téñeno que arroupar no campo"

"Con Aspas estamos nas mesmas... Aspas no Celta foi tan importante como Messi no Barça pero Messi xa non está e o ciclo de Aspas non está terminado"

A súa enfermidade, a ELA, ocupou o final da entrevista co fin de dar visibilidade a unha afección que en España sofren unhas 4.000 persoas

"Gústame que me pregunten por como estou, porque iso implica que se preocupan por min. Non me molesta agora nin, agardo, que máis adiante tampouco. A miña vida e afeccións sempre foron por e para o deporte, pero aínda hai moitas cousas que lle dan sentido"

"O que atopei neste ano e medio foi moitas ganas de axudarnos. Iso encántame por parte da xente anónima, pero estou moi frustrado pola maioría dos políticos. Fálase máis da ELA, pero teño a sensación de que seguimos sendo invisibles. Queremos ter unha vida digna"

"O noso primeiro gran problema é que co diagnóstico nos derivan a servizos sociais, non á Sanidade marabillosa que temos. En servizos sociais non teñen nin os medios nin as ferramentas necesarias. Pasamos ao noso domicilio e as axudas son moi pequenas e por asociacións"

"Somos moi perseverantes, moi cabezóns. Que nos deades este espazo para informar e falar á xente é moi importante. Os políticos teñen que esquecer ideoloxías e xuntarse para apoiar unha enfermidade que pode afectar a calquera e en calquera momento"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos