Unitour, a feira que axuda a escoller carreira aos estudantes de bacharelato
Unitour, a feira que axuda a escoller carreira aos estudantes de bacharelato
45 universidades españolas amosan a súa oferta formativa no Palexco
Os estudantes reciben información personalizada sobre as titulacións e as residencias universitarias
Algúns estudantes teñen claro onde está o seu futuro.
"Eu quero estudar maxisterio"; "Eu veterinaria, en Lugo"; "Vou facer educación infantil, en Santiago ou Coruña, depende da nota que saque".
Pero moitos outros amósanse perdidos ante unha das decisións máis importantes da vida.
"Nin idea"; "Teño varias ideas, pero nada seguro"; "Eu son dos que dubido moito, por iso veño a esta feira a ver o panorama".
O 33 % dos estudantes españois abandona a carreira antes de acabala. Unha perda de cartos e tempo que esta feira quere evitar ofrecéndolles información personalizada.
"Preguntan moito pola saída laboral dos graos, teñen que ir coñecendo as opcións das universidades públicas e privadas e tomar a decisión a final de curso", explica Ana Caamaño, orientadora da Universidade de Vigo.
Dobre grao, triplo grao, grao con mestrado. A oferta é inxente e renóvase cada ano. Cómpre coñecela de primeira man e tamén ir pensando no aloxamento.
"Os prezos dos alugueiros están imposibles. Na feira tamén hai postos de residencias universitarias para aqueles que teñen que saír da casa para estudar", engade Rafael Rodríguez, director de Círculo Formación.
A feira, de acceso libre no horario da tarde, tamén está dirixida a familias e conta coa participación de 45 universidades de todo o Estado.