11 incendios activos en Ourense con máis de 46.000 hectáreas queimadas, 2 en Lugo e 1 en Pontevedra
A primeira hora da tarde deste domingo declarábase un incendio en San Cibrao das Viñas que provocou cortes de luz en diferentes barrios de Ourense
Un total de 1.400 efectivos da UME loitan hoxe contra o lume en trece incendios
A Brilat súmase ás tarefas de apoio para a extinción de incendios en Galicia
O incendio que se declarou a primeira hora da tarde na parroquia de Rante, en San Cibrao das Viñas, provocou cortes de luz nos barrios da Valenzá e O Couto, na cidade de Ourense. A alcaldesa de San Cibrao explicou que o incendio ten varios focos próximos a vivendas. Os veciños da zona colaboran como voluntarios cos equipos de extinción. Parece que o lume se orixinou nunha das marxes da autovía A-52.
Incendios na provincia de Ourense
Os incendios que combaten nestes momentos os servizos de extinción en Galicia calcinaron só na provincia de Ourense máis de 46.000 hectáreas, con ata once lumes activos: Chandrexa de Queixa e Vilariño (son un único incendio con máis de 17.000 ha afectadas), Maceda (Santiso e Castro de Escuadro uníronse con 3.000 ha), Oímbra-A Granxa (11.000), A Mezquita-A Esculqueira (9.000 ha), Vilardevós-Vilar de Cervos (800 ha), Vilardevós-Moialde (500), Vilardevós-Fumaces e a Trepa (100), Larouco-Seadur (4.000 ha), Xinzo de Limia-Gudín (150 ha), Carballeda de Avia-Vilar de Condes (1.000 ha), Beade-As Regadas (100 ha),
Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos
O venres día 8 ás 12:51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Este xoves, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17:30 horas
Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 17.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 129 axentes, 150 brigadas, 98 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 21 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
Ás 23:37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03:13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.000 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 10 técnicos, 88 axentes, 129 brigadas, 77 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Oímbra-A Granxa
Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 11.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín e Laza. O lume iniciouse ás 14:39 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 15 técnicos, 51 axentes, 66 brigadas, 48 motobombas, 2 pas, 5 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09:42 horas do martes está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 9.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 4 técnicos, 26 axentes, 25 brigadas, 25 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 4 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Vilardevós-Vilar de Cervos
Está activo desde o mércores ás 18:09 horas o incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 800 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 15 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.
Vilardevós-Moialde
Na tarde deste xoves reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16:05 horas do luns. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 500 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 20 axentes, 34 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 7 avións.
Vilardevós-Fumaces e a Trepa
Activo desde as 17:41 horas do xoves o incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións roza as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Larouco-Seadur
Desde as 18:55 do mércores está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 4.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Petín, Quiroga e A Rúa. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 14 técnicos, 52 axentes, 69 brigadas, 56 motobombas, 7 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 6 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Carballeda de Avia-Vilar de Condes
Está activo desde as 16:38 horas de onte o incendio no concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes que, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 1.000 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 13 axentes, 21 brigadas, 13 motobombas, 1 pa, 6 helicópteros e 4 avións.
Beade-As Regadas
Activo desde as 18:16 horas de onte venres o incendio no concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que afecta unha superficie de arredor de 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 7 axentes, 11 brigadas, 5 motobombas e 1 pa.
Xinzo de Limia-Gudín
Está activo desde onte ás 17:22 horas un incendio no concello ourensán de Xinzo de Limia, parroquia de Gudín, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 150 hectáreas e está pendente dunha nova actualización de superficie. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 9 axentes, 20 brigadas, 12 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións.
Incendios na provincia da Coruña
Quedou estabilizado o declarado en Muxía-Nosa Señora da O. Está estabilizado as 14:01 horas de hoxe o lume iniciado á 13:13 horas de onte venres na localidade coruñesa de Muxía, parroquia de Nosa Señora da O, que segundo as últimas estimacións afecta 23 hectáreas. Mobilizáronse de xeito acumulado para a súa extinción 3 técnicos, 13 axentes, 22 brigadas, 11 motobombas e 1 helicóptero.
Tamén o incendio decretado no municipio coruñés de Toques-San Martiño de Oleiros, que afectou 300 hectáreas e no que se desactivou o nivel 2 de emerxencia xa de madrugada. Para a extinción do incendio mobilizáronse de xeito acumulado, 3 técnicos, 13 axentes, 28 brigadas, 27 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.
Incendios na provincia de Pontevedra
Mantense activo o de Agolada-O Sexo, pero vénse de desactivar a situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Sexo. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 3 técnicos, 10 axentes, 20 brigadas, 24 motobombas, 2 pa, 2 helicópteros e 2 avións. Segundo as últimas estimacións están afectadas 400 hectáreas de terreo.
Na provincia de Lugo son dous os incendios activos:
O Saviñao-Chave: Está activo desde as 15:00 horas un incendio forestal no concello lucense do Saviñao, parroquia de Chave, que segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 3 axentes, 7 brigadas, 7 motobombas, 3 helicópteros e 2 avións.
Cervantes-Vilarello: Está activo desde as 05:27 horas de hoxe un incendio forestal no concello lucense de Cervantes, parroquia de Vilarello, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de máis de 50 hectáreas. Para a extinción do incendio mobilizáronse de xeito acumulado 4 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
No día de hoxe, as medidas de protección emitidas a través do Es-Alert foron enviadas aos seguintes concellos: Baltar, Os Blancos, Xinzo, Trasmiras, Cualedro, Monterrei, Verín, Laza, Oímbra, Riós, A Gudiña, A Mezquita e Vilardevós. Igualmente, debido á proximidade, a mensaxe puido chegar a móbiles que se atoparan en concellos limítrofes.
Confinamentos de núcleos de pobobación por precaución
Por precaución, procedeuse ao confinamento de máis de 20 municipios, despois de que entre onte e hoxe un total de 68 persoas permanecesen xa refuxiadas nos seus domicilios como medida preventiva.
Ao longo do día confináronse veciños dos núcleos de poboación de Laceiras, Covelo, Vilar de Condes, Cortegazas, Sariñas, Muimenta, Abelenda, Casares, Balde, Serra, Barroso, As Regadas, Beiro de Abaixo, Beiro de Arriba, As Cortes, Faramontaos, Orega, Caldelas, Beran, A Veiga e Beade, todos pertencentes aos municipios ourensáns de Carballeda de Avia, Beade, Leiro e Avión.
Ademais, leváronse a cabo evacuacións voluntarias en diferentes localidades como A Veiga, Viana do Bolo, Manzaneda ou A Rúa.
Así mesmo, varios residentes permanecen desaloxados preventivamente das residencias da Rúa, A Mezquita e Chandrexa de Queixa.
Tamén se produciron algunhas evacuacións voluntarias en Pradocabalos ou O Castro, o municipio de Viana do Bolo; ou en San Fiz, na Veiga.
A ministra de Defensa visitou esta mañá os efectivos da UME. O Ministerio de Defensa na súa conta de X destaca a súa entrega e profesionalidade, que "permitiu poñer a salvo 170 nenos dun campamento en Manzaneda".
📍Los efectivos de la @UMEgob desplegados en Galicia, ejemplo de profesionalidad y entrega que ha permitido poner a salvo a 170 niños de un campamento en Manzaneda (Orense).
— Ministerio Defensa (@Defensagob) August 16, 2025
▶️ Esta es una de las misiones, cuyos detalles están ofreciendo a la ministra de Defensa, ya en zona. pic.twitter.com/0cfs4U0DiD
A Ministra de Defensa, Margarita Robles, dáballe ás grazas a UME na conta do Ministerio:
📍Robles, en Galicia, a la @UMEgob: “Gracias infinitas por su trabajo, dedicación y su entrega con el uniforme que visten. Es un orgullo contar con ustedes, su profesionalidad y su presencia es garantía y un abrazo reconfortante para los ciudadanos que les ven llegar a ayudar”. pic.twitter.com/g7HdiUopHG
— Ministerio Defensa (@Defensagob) August 16, 2025
Pedro Sánchez visitará este domingo as zonas dos incendios de Ourense e León
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, visitará este domingo pola mañá as zonas afectadas polos incendios forestais en Ourense e León, onde manterá encontros cos responsables dos dispositivos de emerxencias e de coordinación.
Segundo fontes de Moncloa, o xefe do Executivo fará posteriormente unha declaración nun posto de mando avanzado.
A próxima semana está previsto que o presidente visite outras zonas afectadas polos incendios.
Polo momento, os incendios que combaten os servizos de extinción en Galicia calcinaron só na provincia de Ourense máis de 42.000 hectáreas, con ata dez incendios activos. Sesenta e oito persoas seguen confinadas nos seus domicilios en diferentes municipios da provincia.
Un total de 1.400 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) loitan este sábado contra en lume
Un total de 1.400 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) loitan este sábado contra en lume nun total de trece incendios, segundo informou o Ministerio de Defensa. Son 1.400 militares traballando no ataque directo das chamas, aos que se suman outros 2.000 en misións de apoio, ademais de 450 medios despregados.
Os militares traballan este sábado nos incendios de Cangas de Narcea e Somiedo, en Asturias; no de Yeres, en León; no de Molezuelas, en Zamora; no del Payo, en Salamanca; no de Herradón de Piñeirais, en Ávila; o de Jarilla, en Cáceres; e no de Llerena, en Badaxoz.
Tamén están a colaborar na extinción dos incendios da provincia de Ourense en Chandrexa de Queixa, Maceda, Oímbra, A Mezquita e Larouco
Este venres, as autoridades decretaron o nivel 2 de alerta por risco para as poboacións. A Garda civil fixo un chamamento a evitar os desprazamentos en coche a menos que fosen imprescindibles e a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou o ES-Alert enviando mensaxes de móbil aos veciños dos numerosos concellos afectados polo lume.