Unha veciña do Porto do Son cumpre os 104 anos
Convértese na persoa de máis idade de Porto do Son
Alimentación, traballo e botar unha soneca semellan estar detrás da súa lonxevidade
En Galicia hai uns 1800 maiores con máis dun século de vida
Carme de Lourenzo, como a coñecen na parroquia de Baroña, leva toda a súa vida vencellada ao concello coruñés do Porto do Son. Mentres seu home ía ao mar, ela traballaba as leiras e coidaba dos fillos.
Hoxe é un día moi especial porque esta semana cumpría 104 anos e vaino celebrar coa súa extensa familia. O segredo dunha vida tan lonxeva semella estar trala comida natural da horta e do mar, que era a que había, e tamén botar unha soneca que non perdoa.
"Bota unha soneca tódolos días. Despois imos dar un paseo dun quilómetro e medio coa sela e despois quedamos aquí cos veciños e falamos con eles", comenta Francisco Eugenio Fontao, neto de Carme, sobre a rutina que segue a súa avoa para manterse activa con máis dun século de vida ás súas costas.
Nada en 1922, o mundo cambiou moito dende aquela, pero ela lembra a súa nenez coma se fose onte, non exenta tamén de sacrificios.
"Traballar de labrego é moi escravo. A escola era o que máis me gustaba e tamén xogar", lembra Carmen Calo Maneiro, a centenaria de Baroña.
Nesta xornada todos os seus veciños e familia quérena agasallar cun xantar de homenaxe, para recoñecer todo o seu esforzo durante máis dun século.
"Unha ledicia tremenda porque o máis importante é tela aquí con nós. E séguenos enchendo que cando tiñamos un ano, exactamente igual. Agora cambiaron os papeis e somos nós os que lle devolvemos o que ela nos deu", recoñece o neto de Carmen Calo.
En Galicia hai contabilizadas unhas 1.800 persoas centenarias e xa se está a estudar as causas desta lonxevidade. No caso de Carmen, nin sequera unha caída que a deixou en cadeira de rodas puido co seu riso. E como di a súa familia, xa cómpre mirar cara ao seu vindeiro aniversario.