O dono dunha vaca entra con ela nun bar de Lugo para tomar un café
Un dos participantes no desfile de gando do San Froilán entrou no establecemento a saciar a sede sen separarse do animal
Como quedarían vostedes se estivesen nun bar e entrase unha vaca? Perplexos, non? Pois iso foi o que pasou en Lugo durante o San Froilán. Vese que a un dos participantes no desfile de gando lle apetecía tomar algo e, como non tiña onde prender a vaca, decidiu nin máis nin menos que entrar con ela no establecemento.
Os usuarios do bar non daban creto. "Incrible", "sorprendente", son os comentarios dos lucenses. Algo tan inaudito que entre a perplexa clientela houbo quen non se resistiu a soltar algunha graza. "Ten que lavar os pezuños polo coronavirus", dicía unha clienta.
A vaca entrou ata a barra, onde agardou tranquilamente a que o seu acompañante saciase a sede.
O insólito suceso tivo lugar durante o San Froilán, e os protagonistas da historia estaban en Lugo para participar no tradicional desfile de gando. Vese que o home tiña ganas dun café e, como non tiña onde prender a vaca, tirou con ela para dentro.