Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha serpe morde unha muller na meixela no Morrazo

Unha serpe morde unha muller na meixela no Morrazo

A muller foi ao centro de saúde e puxéronlle o antídoto

Hai que derrubar os falsos mitos: non succionar a ferida, non facer torniquetes nin poñer xeo nin facer cortes na ferida para sacar o veleno 

G24.gal 20/05/2025 14:29

Unha veciña do Morrazo levou un bo susto cando ía coller leña no pendello da súa casa. Unha serpe saltoulle á cara e cravoulle os cairos con veleno na meixela. A muller, que está fóra de perigo, foi ao centro de saúde, onde lle administraron o antídoto contra a mordedura.

"En zonas de moita maleza si pode ser frecuente que as haxa, non adoitan ser perigosas, pero hai que ter precaución", conta Sara Pérez Cordeiro, da Clínica Veterinaria Onceta, en Bueu.

O que lle pasou a esta muller non é frecuente, pero tampouco é un caso illado. Serpes e cobras aniñan en zonas arboradas e con monte baixo coma esta.

"Por esta zona, por Udra, hai moitas das que lles chaman serpes de escaleira, que son longas e escuras. E no verán si as teño visto facendo rutas nas rochas, tomando o sol..., por esta zona teño visto mais de unha", comenta un veciño.

Para evitar sustos, á hora de saír ao monte basta con seguir unhas normas moi sinxelas, porque as serpes non atacan se non se senten ameazadas. Basta con levar botas altas e as pernas cubertas, evitar meter a man en lugares que non poidas ver e acudir a un centro médico para que subministren o antídoto.

A veterinaria Sara Pérez Cordeiro dá unhas recomendacións:

"Primeiro, fixarse un pouco na serpe, nas características, a cor a forma da cabeza, aínda que neses momentos é un pouco perigoso. Se tes posibilidade, lavar a zona con auga e ir a un centro de urxencias".

O de succionar o veleno, facer un torniquete e poñer xeo ou facer un corte na ferida son falsos mitos que poden empeorar a situación. Hai que lavar a zona con auga e xabón e quitar o reloxo, pulseiras ou aneis porque a zona pode inflamarse rapidamente. Non todas as mordeduras precisan antídoto, pero é un médico quen debe determinalo.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade