O operativo que trata de localizar tres españois desaparecidos en Indonesia non deu este venres resultados, cando se cumpre unha semana do accidente marítimo do barco en que viaxaban.
"O equipo realizou buscas tanto na superficie como baixo a auga, usando catro equipos de sonar. Porén, os traballos non deron resultado", declarou Asfan Sulhasan, oficial da Axencia Nacional para Busca e Rescate (BASARNAS) e un dos coordinadores da misión.
Os rescatistas despregaron este venres máis dunha decena de barcos para peitear as augas, mediante o uso de radares que cartografaron o fondo mariño e mergulladores para tratar de lograr confirmación visual dos posibles achados.
"Foi un día complicado porque o mar non acompañaba. Pola mañá fixen unha primeira inmersión duns 45 ou 50 minutos a uns 30 metros de profundidade nunha zona onde o sonar detectara algo. Pero nada. Pola tarde fixemos unha inmersión máis longa, tampouco houbo sorte", declarou o mergullador español Santi Tinoco, implicado no operativo.
O español di que o positivo é que este venres peitearon toda unha costa da illa de Padar, preto de onde afundiu o barco, mentres que este sábado repetirán o proceso nunha zona diferente e onde onte se atoparan algúns restos do navío sinistrado.
A embarcación de uso turístico KM Putri Sakinah afundiu nas augas de Padar arredor das 20:30 hora local do venres (12.30 GMT) da semana pasada, tras o que se activou unha busca inicial con lanchas.
Dos once pasaxeiros que viaxaban no barco no momento do accidente, sete foron rescatados e os equipos de busca recuperaron o luns o corpo sen vida dunha menor de idade española.
Os tres españois que seguen sen seren localizados son Fernando Martín, exfutbolista e adestrador do equipo feminino B do Valencia C. F., e dous menores: un fillo de Martín e un fillo de Andrea Ortuño, unha das superviventes do naufraxio e nai tanto da outra menor rescatada como da vítima mortal atopada hai tres días. Ambos adultos contraeron matrimonio recentemente.
Os traballos retomaranse o sábado e durarán, polo menos, ata o domingo, segundo decidiron a véspera as autoridades locais.
Oito interrogados
A Policía de Indonesia abriu o mércores unha investigación para determinar se se incorreu nalgún delito por neglixencia no naufraxio do Putri Sakinah.
Ata esta tarde interrogaron oito testemuñas e persoas vinculadas co caso.
"A investigación lévase a cabo para esclarecer obxectivamente os feitos e determinar se houbo neglixencia ou conduta delituosa neste incidente", indicou a Policía nun comunicado.
Un informe inicial apuntou a un posible fallo de motor que deixou o barco á valga. As autoridades do porto dixeron que o barco naugragou tras o súbito envite de tres grandes ondas, de ata 2,5 metros sobre o nivel do mar, debido a un "fenómeno pouco común" mentres navegaba por un estreito con fortes correntes submarinas.
Por outro lado, as autoridades portuarias de Labuan Bajo ampliaron ata o próximo martes a prohibición de navegación a todos os barcos turísticos, aplicada desde o luns, debido ás malas condicións climáticas nunha vasta zona do leste do país, que inclúe a área de busca.
Misa no porto
A conclusión das tarefas de busca este venres coincidiu coa celebración dunha misa.
As familias das persoas desaparecidas uníronse á cerimonia, que rematou cos fieis colocando unha ringleira de velas acesas.
"Fixemos todo o que puidemos", dixo emocionada unha das indonesias que axudaron a coordinar os grupos de mergulladores voluntarios que partiron na misión.