Unha residencia xeriátrica compostelá achega as novas tecnoloxías á xente maior
O programa está a ter moito éxito entre a comunidade de residentes
As novas tecnoloxías seguen a ter unha importante débeda coas persoas maiores. A metade delas non usan Internet nin teléfono móbil. Por iso, unha residencia xeriátrica compostelá proba unha aplicación informática que pretende achegarlles programas interactivos sinxelos e atractivos.
"Teñen acceso a diferentes xogos, de memoria e de linguaxe, ou de atención. Iso axuda ao seu melloramento do nivel cognitivo", asegura María José Fernández, monitora da residencia Porta do Camiño.
A través dun ordenador adaptado e simplemente tocando a pantalla, poden descubrir as posibilidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías. Hai xogos para estimular a memoria e aplicacións para escoitar música, ler as novas ou contactar coas familias.
O programa tamén ofrece a posibilidade de converterse nunha ferramenta de diagnose para detectar problemas cognitivos, e semella estar a ser un éxito.
"Custoulles moitísimo ao principio, porque para eles un ordenador era algo alleo, pero viron que era moi sinxelo e ao final están moi enganchados ao programa", relata a monitoria.
As novas tecnoloxías utilizadas de xeito sinxelo amosan as moitas posibilidades que teñen de achegarse á xente, combater a soidade e estimular as habilidades.