Morre un home e rescatan outros dous tras envorcar unha lancha en Arteixo
Os dous superviventes foron trasladados con síntomas de hipotermia a centros hospitalarios
Os náufragos son tres amigos xubilados
Descoñécense as causas do accidente pero baralla como posible un golpe de vento
Un home faleceu este venres e dúas persoas máis foron rescatadas tras envorcar a embarcación en que navegaban no litoral coruñés entre Arteixo a Coruña, segundo informa o 112.
🔴 #AXEGAInforma dunha persoa falecida e outras dúas rescatadas con vida tras envorcar a embarcación na que navegaban na Praia de Suevos, entre Arteixo e Coruña.
— 112Galicia (@112Galicia) September 1, 2023
Interveñen: sanitarios, @GardacostasGal , @salvamentogob, #BombeirosCoruña, @guardiacivil, Policía Local e SMPC. pic.twitter.com/uVCJG1n9NZ
A media tarde os equipos de rescate conseguiron recuperar e levar ao porto de Suevos, en Arteixo a lancha en que ían os tres homes. Remataba un operativo que se activou ás tres menos cuarto da tarde.
A embarcación envorcou preto do porto exterior da Coruña. Un pesqueiro logrou rescatar un dos homes e levalo tamén a Suevos. Tiña síntomas de hipotermia e foi derivado ao hospital da Coruña. O outro sobrevivente foi rescatado polo Helimer e trasladado tamén ao hospital. O mesmo helicóptero de Salvamento Marítimo localizou o corpo sen vida do terceiro tripulante. Recuperouno a Salvamar Betelgeuse e levouno ao porto coruñés de Oza.
Os náufragos son tres amigos xubilados, que adoitaban saír pescar xuntos na lancha dun deles, veciño de Arteixo. A embarcación, de fibra de vidro, ten menos de cinco metros de eslora. Descoñénse as causas do accidente. Barállase que puido envorcar por un golpe de vento.
No dispositivo participaron, ademais de Salvamento Marítimo, Gardacostas, as policías locais da Coruña e Arteixo, Protección Civil, Policía Portuaria e os mergulladores da cidade herculina.