Unha ourensá recibe o premio á mellor vendedora da ONCE en Galicia
Avelina ten 56 anos e leva 18 vendendo cupóns na praza Maior
Coñecemos a mellor vendedora da ONCE no ano 2021 en Galicia. É a ourensá Avelina Dacosta, que leva 18 anos vendendo cupóns na Praza Maior de Ourense. Un recoñecemento á súa dedicación na lotería social e di que lle gustaría celebralo repartindo este ano un bo premio.
Avelina ten 56 anos e leva 18 instalando cada día o seu posto da ONCE na praza Maior de Ourense. Hai uns días foi recoller a Madrid o seu premio. Ela di que non se considera a mellor vendedora, pero está moi agradecida despois de tantos anos de traballo.
Un recoñecemento inesperado, e di que agora a súa maior ilusión é poder celebralo entregando un bo premio aos seus compradores máis fieis.
Avelina era costureira, pero un desprendemento na retina deixouna cega dun ollo e con moi pouca visión no outro. E animouse a colaborar coa función social da ONCE.
Orgullosa, di que seguirá vendendo no seu recuncho da Praza Maior os cupóns, os rascas e a lotería especial da ONCE ata a xubilación.