Unha muller ucraína e as súas tres fillas atopan refuxio e solidariedade nunha casa reitoral de Noia
Unha muller ucraína e as súas tres fillas atopan refuxio e solidariedade nunha casa reitoral de Noia
Svetlana, Julia, Nika e Liza fuxiron da rexión de Kiiv ata Polonia, onde o voluntariado da asociación AGA-Ucraína as axudou a chegar a Galicia
Na casa reitoral de Santa Cristina de Barro tentan atopar a seguridade e a calma truncadas pola guerra no seu país, onde quedou gran parte da súa familia
Desde fai dúas semanas, o novo fogar de Svetlana e as súas tres fillas recibe visitas periódicas da nutrida rede de apoio organizada en Noia para acoller persoas que foxen da guerra en Ucraína. Nunha antiga casa reitoral en Santa Cristina de Barro cedida pola Igrexa, acondicionada polo Concello e equipada grazas a múltiples doazóns particulares, tratan de reconstruír as súas vidas truncadas polas bombas.
"Intentamos establecer a nosa vida aquí, e a xente de aquí axúdanos: chámannos cada día, veñen a casa cada día, pregúntannos que necesitamos e dannos todo o que necesitamos", explica, en nome da súa familia, a mediana das irmás, Nika.
Un dos voluntarios que viaxou á fronteira polaca e continúa pendente do seu benestar aquí é Juanon Vidal, técnico de Cultura no Concello de Noia, que o confirma: "Contamos coa axuda de moitísima xente: necesitaban unha sala e doaron os sofás, empresas de Noia que viñeron facer o xardín, outra arranxar o baño, a calefacción que estaba estragada... e ao final entre todos, a calquera porta que chamabas todo o mundo estaba disposto a colaborar".
Nika , avogada de profesión como a súa irmá maior, Julia, traduce ao inglés todo o que as catro teñen que dicir. Vivían na rexión de Kíiv, cada vez máis asediada polos bombardeos e, tras contactar cunha organización humanitaria, emprenderon unha perigosa viaxe ata a fronteira con Polonia.
"Foi unha decisión moi difícil, pensámolo durante unhas dúas semanas. Discutímolo cos nosos familiares, e finalmente decidimos que era moi útil dada a situación... non tiñamos outra alternativa".
Así foi como os voluntarios galegos as axudaron a establecerse aquí. Unha axuda que continúa e que non se cansan de agradecer. Svetlana, profesora de Historia en Ucraína, proxecta xa visitar centros escolares de Noia para falarlles do seu país e da súa xente, cuxa lembranza fai inevitable que se emocionen.
"Tiñamos unha vida feliz, plans para o futuro, moitos plans de traballo, familiares...", explica Nika, antes de que se lle crebe a voz.
Mentres a guerra impide que eses plans de futuro tomen forma, a solidariedade e empatía de veciños e institucións en Noia dálles, polo menos, un refuxio seguro.