Unha moza de Lugo recibe oito puntos de sutura tras ser agredida no pescozo cunha botella
A agresión foi de madrugada, durante unha lea ao parecer por celos, na zona de Mariña Española
A presunta agresora está en dependencias policiais á espera de pasar á disposición xudicial
A vítima ten 22 anos. Recibiu o corte nunha zona entre o pescozo e o tórax. Atacárona cunha botella rota tras unha discusión na rúa de Mariña Española.
Cando chegaron os axentes a situación era de alto risco. Unha multitude congregábase na rúa, en dous bandos na defensa de cada unha das implicadas na lea. Houbo que pedir reforzos para evitar que a cousa acabase nunha lea multitudinaria. As leas son demasiado frecuentes, e os veciños teñen medo.
"Aqui todas as fins de semana hai problemas, pelexas, redadas, é unha zona conflitiva", di unha veciña.
Os axentes conseguiron acougar os ánimos. Pero non evitaron que fuxise a presunta agresora, aínda que non foi moi lonxe; unha amiga avisábaa por teléfono e os axentes conseguiron convencela de que se entregase. Era detida a poucos metros na avenida de Ramón Ferreiro. Os veciños da zona xa non saen polas noites.
"Eu polas noites non saio, teño medo", asegura unha veciña.
A detención foi con sobresaltos, xa que un home tratou de interromper o labor dos axentes e acabou tamen arrestado. Ambos están en dependencias policiais á espera de pasar á disposición xudicial. A moza ferida xa está na casa tras recibir oito puntos de sutura. Os celos poderían estar detrás desta lea.
A presunta agresora está investigada por un delito de lesión e o home por desobedencia á autoridade.