Unha hora de exhibición do Celta B e trinta minutos de sesta (4-2)
O lateral con ficha do Gran Peña Javi Rodríguez marcou un dobrete
Iker Losada e Lauti fixeran os dous primeiros goles
Sesenta minutos de fútbol espectacular e trinta de sesta. Así se pode resumir o partido do Celta B ante un Linares que puido saír mallado de Balaídos e foi para terras andaluzas cun decoroso 4-2.
Os celestes non acusaron nin a baixa de Miguel Rodríguez por molestias físicas. Apareceron moitos outros xogadores, por exemplo o capitán Iker Losada, para abrir o marcador aos oito minutos. O propio Losada conectou con Lauti para que o nove celeste definise con tranquilidade diante do porteiro do Linares.
Un dos homes do parido foi o lateral dereito Javi Rodríguez. Deu o pase do primeiro gol e fixo un dobrete. Antes do descanso marcou un fermoso tanto. Á volta, definiu cun axustado disparo unha boa xogada colectiva do equipo de Claudio Giráldez.
O nivel do equipo foi excelente e a superioridade tan manifesta, que conduciu a unha relaxación da que se aproveitou o Linares. Fermín fixo o 4-1 e xa sobre o tempo engadido Rodri o segundo. O 4-2 non foi reflexo do visto sobre Balaídos. O filial vai a máis e con 30 puntos xa ve de preto a zona de honra da categoría