Publicador de contidos

Publicador de contidos

Colisión múltiple en Redondela, con seis feridos e a N-550 pechada varias horas

Colisión múltiple en Redondela, con seis feridos e a N-550 pechada varias horas

Dous dos feridos tiveron que ser liberados despois de quedar atrapados nos seus coches

A estrada, que xunta Redondela co Porriño, quedou bloqueada ata primeira hora desta mañá

G24.gal 28/05/2023 09:35 Última actualización 28/05/2023 09:58

Cando a Policía Local chegou ao lugar coñecido como Ponte da Quintela, no concello pontevedrés de Redondela, atopou o caos. A curva con dobre carril de subida na Nacional-550, estaba bloqueada por varios vehículos accidentados, mentras os seus ocupantes tentaban acudir a dúas persoas atrapadas. Era pouco despois da unha da madrugada.

"Atopamos unha colisión múltiple en que se viron implicados seis turismos lixeiros e un pesado", confirma Daniel Bar, xefe de quenda dos bombeiros do Porriño.

Semella que un dos turismos invadiu o carril contrario, bateu contra unha furgoneta e contra un camión, e acabou no medio da vía. O resto do tráfico non puido evitalo e catros turismos acabaron batendo entre si.

O medo a unha traxedia mobilizou un operativo importante, coa Policía Local e Protección Civil de Redondela, os bombeiros de Porriño e o Ges de Mos, así como axentes da Garda Civil de Tráfico de Vilaboa, Porriño e Pontevedra. Mais a habilidade do condutor do trailer evitou o pior.

"O coche que ía polo carril exterior foise, bateu coa furgoneta que levaba eu diante e peguei un volantazo para esquivalo, porque se non o chego a pegar mátanse contra o camión, e remataron de escachar o coche máis adiante", relata Rubén Casal, condutor dun tráiler e afectado polo accidente.

"O vehículo pesado perdeu dúas rodas, que impactaron sobre outros vehículos que subían. Tamén houbo colisións por alcance", conta o xefe dos bombeiros do Porriño.

Dúas persoas, incialmente valoradas como graves, precisaron seren liberadas dos vehículos e foron trasladas ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Outras catro con feridas diversas tamén foron evacuadas en ambulancia.

A estrada quedou pechada neste tramo e o tráfico desviado por unha vía de servizo ata primeiras horas desta mañá, cando se recuperou a normalidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade