Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un veciño de Monforte enfróntase a 13 anos de prisión por violar a coidadora da súa nai

Un veciño de Monforte enfróntase a 13 anos de prisión por violar a coidadora da súa nai

É xulgado na Audiencia Provincial de Lugo a porta pechada para protexer a intimidade da vítima, que recibe tratamento polo dano psicolóxico sufrido

O acusado declarouse inocente e afirma que a relación foi consentida

G24.gal 04/11/2025 13:44

Os primeiros abusos producíronse tan só dúas semanas despois de que a vítima comezara a traballar na casa do acusado, en Monforte de Lemos, coidando da súa nai. E uns días máis tarde dos tocamentos agarrouna e empurrouna ata o cuarto dos conxeladores e alí violouna mentres ela se resistía berrando e chorando. 

"É especialmente grave porque estamos falando dun abuso de poder, había unha relación laboral, consideramos que hai violencia e intimidación", explica a avogada da acusación particular, Ildara Losada.

A Fiscalía solicita unha condena de 11 anos de prisión polos delitos de agresión sexual continuada e violación, e 10.000 euros de indemnización polos danos morais causados; a acusación particular eleva as penas a 13 anos de cadea e 20.000 euros.

A defensa non ve acreditada a agresión, sostén que foi unha relación consentida. O acusado, que chegaba a pé ao xulgado, xa que está en liberdade con medidas cautelares, nega as acusacións. 

"Imos pedir a libre absolución, desde o noso punto de vista, a acusación só se basea na manifestación da vítima, consideramos que é insostible, chea de contradicións", di o avogado da Defensa, Iván Torres.

A vista oral celébrase a porta pechada para protexer a intimidade da muller, que sofre estrés postraumático e ansiedade, polo que recibe tratamento e atención terapéutica. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade