Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un tsunami provocado pola erupción dun volcán golpea a illa de Tonga

Un tsunami provocado pola erupción dun volcán golpea a illa de Tonga

O volcán submarino Hunga-Tonga-Hunga-Ha'apai provocou a onda xigantesca

G24.gal 15/01/2022 08:30

Un tsunami golpeou este sábado as costas da illa de Tonga, no Pacífico Sur, tras rexistrar unha violenta erupción volcánica. As grandes vagas golpearon casas e edificios situados en primeira liña de praia, segundo os vídeos publicados nas redes sociais por testemuñas refuxiadas no teito das súas casas.

As autoridades locais emitiron unha alerta de tsunami para todo o país tras a erupción do volcán submarino Hunga-Tonga-Hunga-Ha'apai, a uns 65 quilómetros da illa de Tongatapu, a principal desta nación insular poboada por uns 71.000 habitantes.

Segundo o portal Radio New Zealand, o volcán entrou en erupción ás 17:20 hora local (4:20 GMT) e lanzou unha enorme nube de cinza ao aire.

O Servizo Meteorolóxico de Tonga publicou no seu perfil de Facebook unha impactante imaxe satelital da nube causada polo volcán submarino, que xa amosara sinais de actividade crecente a véspera.

As autoridades pedíronlle a toda a poboación asentada na costa acudir a zonas altas para gorecerse do embate das ondas e usar máscaras para se protexer da choiva de cinza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar