Un tiroteo en Fuenlabrada deixa un morto e tres feridos
Grupos especializados en bandas xuvenís de Policía Nacional fixéronse cargo das investigacións
Investígase se o suceso está relacionado con outro asasinato a tiros que tivo lugar na madrugada do domingo en Alcorcón
Un mozo de 21 anos faleceu por un disparo na cabeza e outros tres homes quedaron feridos nun tiroteo e unha pelexa con armas brancas ocorridos a primeiras horas deste luns xunto a unha discoteca na localidade madrileña de Fuenlabrada.
A policía, logo das primeiras investigacións, busca polo menos dúas persoas que fuxiron do lugar tras os feitos, segundo indicaron a Efe fontes da Xefatura Superior da Policía.
A liorta tivo lugar ás seis e cuarto da mañá nas inmediacións dunha discoteca. Ata alí desprazáronse axentes da Policía Nacional e Local, así como varias unidades de emerxencias sanitarias.
Os facultativos trataron de reanimar durante 45 minutos un mozo de 21 anos, de nacionalidade dominicana, que se atopaba en parada cardiorrespiratoria tras sufrir un disparo na cabeza con orificios de entrada e saída do proxectil, ademais dun corte profundo na cara, supostamente producido por un machete.
Tras atender a vítima nun hospital de campaña instalado no lugar, os sanitarios confirmaron o falecemento.
Tamén recibiron atención sanitaria outros tres feridos. Un mozo de 18 anos e un home de 31 tiñan feridas por arma de fogo nun brazo e nun ombreiro, respectivamente, polas que foron trasladados a centros hospitalarios. Están estables e a súa vida non corre perigo.
Pola súa banda, outro mozo de 18 anos sufriu cortes na cabeza e na man e foi evacuado en estado leve.
No escenario dos feitos continuaban pola mañá axentes da Policía Xudicial e a Policía Científica solicitando testemuños e recollendo probas.
A Brigada Provincial de Información da Xefatura de Policía, con grupos especializados en bandas xuvenís, fíxose cargo das pescudas, polo que se investiga unha posible relación deste suceso coas esas organizacións.
Tamén se baralla esa hipótese noutro tiroteo que á primeira hora deste domingo cobrou a vida dun mozo venezolano de 19 anos na localidade madrileña de Alcorcón, próxima a Fuenlabrada. Os axentes investigan unha posible relación entre os dous feitos.