Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un sismo de magnitude 5,3 ao sur de Lisboa sacode Portugal e chega a sentirse en Galicia

Un sismo de magnitude 5,3 ao sur de Lisboa sacode Portugal e chega a sentirse en Galicia

O terremoto, ocorrido na madrugada deste luns, non deixa vítimas nin danos materiais graves

(Imaxe: Instituto Xeográfico Nacional)
G24.gal 26/08/2024 08:42 Última actualización 26/08/2024 13:42

O Instituto Português do Mar e da Atmosfera rexistrou na madrugada deste luns un terremoto de magnitude 5,3 na escala Richter no Océano Atlántico, ao sur de Lisboa.  

O organismo sinalou que o sismo tivo lugar ás 6:11 horas (hora galega, unha hora menos en Portugal), cun epicentro localizado a 60 quilómetros ao oeste de Sines e a 21 quilómetros de profundidade.   

Protección Civil de Portugal non ten constancia de feridos a causa do terremoto, a pesar de recibir unha gran cantidade de chamadas advertindo do acontecido e reclamando información sobre como actuar, nin tampouco de danos materiais de importancia.

O comandante nacional da Protección Civil lusa, André Fernandes, explicou nunha conferencia de prensa que as autoridades entraron en "fase de monitorización" da situación, aínda que asegurou que este sismo "non reúne criterios para a activación dos plans especiais existentes para este tipo de sucesos".

Tras o terremoto, foron sentidas tres réplicas, sendo a intensidade de 1,2, a segunda de 1,1 e a terceira de 0,9.

"Continuamos acompañando a situación e, se se xustifica, emitiremos novos avisos", aseverou.

O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, pediu "serenidade" á poboación.

"A mensaxe simple é serenidade, tranquilidade, normalidade. Quen vaia por Lisboa verifica iso e pola información que temos doutros puntos na área supostamente alcanzada é o mesmo. É un comezo de semana normal, natural e sen razón ningunha de preocupación", afirmou o xefe de Estado nunha declaración aos medios tras reunirse co Goberno para analizar a situación.

En liña co avanzado polo IPMA e a Autoridade de Protección Civil, Rebelo de Sousa reiterou que non hai rexistro de danos persoais nin patrimoniais por mor do tremor.

O sismo sentiuse tamén en varios puntos de España, especialmente en Huelva, e en Marrocos.

En total en sete comunidades autónomas do leste peninsular reportaron testemuños de persoas que notaran o terremoto.

No caso de Galicia, os efectos do sismo sentíronse nas provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña. Concretamente notouse con maior intensidade (grao III), aínda que de forma débil, nas localidades pontevedresas de Arcade (Soutomaior), Vilasobroso (Mondariz), Cristiñade e Urcela (Ponteareas), Oia, Rebordáns (Tui), Saiáns (Vigo), e A Guarda. En Ourense, sentiuse no Irixo e na Coruña, en Padrón.

Segundo o Instituto Xeográfico Nacional, en grao II, o tremor é sentido só en casos illados por persoas en posición especialmente receptiva dentro de edificios sobre os que non ten ningún efecto. No caso do grao III, o movemento sísmico é sentido dentro de edificios, onde as persoas en repouso perciben un abalo ou lixeiro tremor e os obxectos colgados oscilan levemente sen producirse danos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade