Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un terremoto de forza 6,2 sacode Istambul sen causar danos

Un terremoto de forza 6,2 sacode Istambul sen causar danos

O tremor produciuse a 60 quilómetros do centro histórico de Istambul, rexistrando ata seis réplicas de magnitude superior a 4

O ministro de Infraestruturas di que polo momento "non se detectou ningún efecto adverso nin dano" en "estradas, aeroportos, trens nin liñas de metro"

REUTERS/Murad Sezer REUTERS/Murad Sezer
G24.gal 23/04/2025 12:55

Un terremoto de magnitude 6,2 sacudiu Istambul, co epicentro na periferia occidental da cidade, creando pánico entre os habitantes aínda que sen causar maiores desfeitas nos distritos centrais.

"Segundo os nosos primeiros datos, non se detectou ningún efecto adverso nin dano nas nosas estradas, aeroportos, trens nin liñas de metro", escribiu na rede X o ministro de Infraestruturas turco, Abdulkadir Uraloglu.

Transcorrida máis dunha hora dende o tremor, as alcaldías dos distritos máis achegados ao epicentro confirman que non se rexistraron derrubamentos nin outros danos, a excepción da caída dun edificio abandonado.

O tremor tivo lugar ás 12:49 hora local (9:49 GMT), co epicentro a unha profundidade de 6,9 quilómetros en falla xeolóxica que atravesa o mar de Mármara, a unha vintena de quilómetros ao sur do distrito de Silivri, informou na rede X o organismo de emerxencias turco, AFAD.

Isto corresponde a unha distancia duns 60 quilómetros do centro histórico de Istambul, onde o sismo causou pánico na poboación, aínda que non se rexistraron derrubas nesta zona.  O alto número de réplicas, con seis delas cunha magnitude superior a 4 nas dúas horas seguintes ao primeiro sismo, contribuíu a manter o medo nos cidadáns.

No distrito de Beyoglu, preto da emblemática praza de Taksim, numerosos veciños saíron á rúa, algúns visiblemente asustados, aínda que sen sufrir contratempos, mentres que outros optaron por seguir coa súa actividade normal, mesmo nas tendas da zona.

O tremor sentiuse en gran parte de Turquía occidental. Na provincia de Sakarya, situada a un centenar de quilómetros ao leste de Istambul, as autoridades suspenderon as actividades previstas para o Día do Neno, festivo nacional no país, que se festexa hoxe.

Cuns estimados 16 millóns de habitantes, Istambul é a maior cidade de Europa e a súa situación a apenas unha vintena de quilómetros dunha das principais fallas xeolóxicas de Anatolia preocupa desde hai décadas aos expertos, que auguran como inevitable un tremor de gran magnitude sen poder concretar cando poderá ocorrer.

Dos 1,2 millóns de edificios da cidade, uns 90.000 poderían caer no caso dun tremor de magnitude de 7,5, similar ao que devastou o sueste de Turquía en 2023, segundo estimacións da alcaldía.

Varios distritos das rexións máis próximas ao epicentro prepararon hoxe lugares de acollida en parques e colexios para os veciños que temen regresar ás súas casas, a pesar de que non hai información de danos nas estruturas da cidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade