Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un terceiro cuarto primoroso dálle a segunda vitoria da temporada ao Obradoiro

Un terceiro cuarto primoroso dálle a segunda vitoria da temporada ao Obradoiro

Os de Moncho Fernández impuxéronse por 80-72 ao Zaragoza

0/16 no lanzamento de tres no primeiro tempo

O partido quedou encamiñado grazas ao parcial de 34-16 á volta do descanso

G24.gal 11/10/2023 21:31

O Obradoiro sumou a segunda vitoria da temporada diante do Zaragoza. Mal primeiro tempo do cadro santiagués, extraordinario terceiro cuarto e un último no que tocou sufrir ata o final (80-72).

A defensa nos primeiros seis minutos do Obradoiro resultou perfecta. O Zaragoza non foi capaz de anotar ningunha canastra en xogo (13-1) e os locais colleron unha boa vantaxe. Moncho Fernández mesmo fixo debutar a Badzim que se estreou cun 2+1 na súa primeira acción. Con todo, os aragoneses recuperáronse e ao comezo do segundo cuarto conseguiron poñerse por diante (22-24). Foi un período nefasto para os intereses do Obradoiro, incapaces de acertar no tiro exterior e marchando ao descanso tres abaixo (29-32) e cun desesperante 0/16 no tiro de tres. 

A dinámica cambiou no terceiro cuarto. Zurbriggen dirixiu con mestría e comezaron a entrar as triplas. Howard fixo a primeira (34-34), Scrubb a segunda (39-34) e Tinkle a terceira (47-42). Foi o inicio dun parcial espectacular de 17-3 liderado polo base arxentino (11 puntos no terceiro cuarto) e secundado por Pustovyi (9 puntos). O Obradoiro chegou a ter unha máxima de dezasete xusto antes de rematar (63-46). 

Era un partido de rachas e no último cuarto veu a do Zaragoza. Cun 6-14 conseguiron poñerse a só sete puntos (69-62) curtado en seco polo Obradoiro grazas a un rebote ofensivo de Scrubb e unha recuperación de Zurbriggen (73-62). Non daba o brazo a torcer un Zaragoza que, cunha tripla de Smith, asexaba ao rival (73-68) con dous minutos por xogar. Ata aí chegou a reacción visitante; a vitoria quedou na casa para poñer ao cadro santiagués con dúas vitorias e dúas derrotas que darán moita tranquilidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos