Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un rabaño de cabras soltas arrasa cos cultivos duns veciños de Mugardos

Un rabaño de cabras soltas arrasa cos cultivos duns veciños de Mugardos

A propietaria dos animais é unha veciña que, segundo denuncian, os ten ameazados

Quéixanse polas perdas no millo e polo perigo de que as cabras atravesen a estrada 

 

G24.gal 21/08/2024 14:09

Non foi o xabaril o que lle estragou dúas hectáreas de millo a Domingo. Foi o rabaño de cabras que a súa veciña solta sen control pola zona. "12.000 euros de millo estragado polas cabras, e na herba deste ano, 2.500 euros de perdas", lamenta Domingo Francisco Souto, o agricultor máis afectado.

As patacas de Santiago tamén son pasto das cabras da muller, que non conta con suficiente terreo para alimentar 80 animais. "A señora pásase moito, e non podes falar con ela e vén en plan ameazante", di Santiago Romero, outro dos afectados.

Agardan que Medio Rural ou as resolucións xudiciais lles axuden a resolver o conflito. Aseguran que ela non atende a razóns e os ameaza. "Diante da Policía Local de Mugardos díxome que me ía matar e que me ía quitar os meus bens", engade Domingo.

Os afectados falan tamén dun problema de seguridade viaria. As leiras están rodeadas dunha estrada comarcal á que escapan os animais soltos. De feito xa houbo un accidente cunha cabra morta e danos no vehículo.

"Imaxina que é unha moto e perde o control, pode haber mortos", advirte Santiago. "As cabras reprodúcense, o rabaño medra e ela non as vende, así que van buscando sitios para pacer e atravesan a estrada", comenta Domingo.

A veciña pide non ser gravada, pero fóra de cámara manifesta que é ela a que está ameazada. Di que as súas cabras rozan para previr incendios, e denuncia que se cultive ou se boten fertilizantes nas leiras da contorna, malia que teñan usos agrarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos