Un incendio calcina totalmente unha casa en Vilalba
Os propietarios non se atopaban na vivenda
Estado en que quedou a vivenda de Vilalba
Un incendio arrasou na noite deste mércores unha vivenda na parroquia de Xoibán, no municipio lucense de Vilalba, sen que exista constancia de que se produciran danos persoais. Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE), o lume arrasou por completo a casa pero o 112 non recibiu aviso do sinistro ata a mañá deste xoves.
Foi un particular o que alertou deste suceso a Emerxencias de Galicia que de inmediato avisou ao Parque de Bombeiros de Vilalba. Efectivos deste corpo confirmaron que non tiveran noticia deste sinistro. Unha vez que chegaron ao lugar comprobaron que a casa ardera por completo e que o tellado colapsara. Só se salvou do lume un alpendre que estaba situado próximo á casa. Os propietarios non se atopaban na vivenda cando se declarou o incendio.