Un incendio destrúe dúas casas na Pobra do Brollón e pon en perigo as vivendas lindeiras
As vivendas que arderon non estaban habitadas, usábanas de cando en vez, e grazas o traballo dos bombeiros e de Protección Civil o lume non prendeu nas outras casas do barrio
O dono dunha delas tivo que ser trasladado ao hospital, está estable, pero téñeno en observación
José é o propietario dunha das casas que arderon. Era a casa vella da familia. O lume arrasou con ela en cuestión de minutos. Os veciños da parroquia de Castroncelos, onde foi o incendio, aínda non se explican o que puido pasar.
"Grazas os veciños que viron o fume, sen saber como foi, viñeron decirme que ardía a miña casa e a do Adrián", explica José.
Ardeu a casa vella de José e a do veciño, e case prende a casa nova onde viven.
"Xa colapsara o teito e o primeiro que fixemos foi controlar o lume para que non saltara a unha terceira casa, que xa tiña lume nas vigas", explica o sarxento do parque de bombeiros de Monforte de Lemos, Tomás Rosada.
Da casa de José non quedou nada. Non vivían nela, pero usábana de cando en vez.
"Ardeu unha habitación, o corredor, roupa, camas, armarios, as paredes quedaron baleiras", di José, o dono dunha das vivendas que ardeu.
No barrio hai catro casas pegadas unhas a outras e unha palleira que estaba chea de fardos de herba.
"Se arderan os fardos complicaríase a cousa, habería que sacalos para fóra, extendelos e apagalos pouco a pouco", asegura o sarxento dos bombeiros, Tomás Rosada.
José pasou a noite en vela, ergueuse varias veces para comprobar que non se reavivara o lume, resignado di que alomenos ninguén sufriu danos.
"Non nos mancamos, iso é o importante", asegura José, o dono dunha das vivendas que ardeu.
O seu veciño tivo que ser trasladado ao hospital cun cadro de ansiedade, está estable pero en observación.