Falece unha muller tras ser atropelada por unha furgoneta do pan na Cañiza
O vehículo da panadeira moveuse cara atrás e atropelou dúas persoas que quedaron debaixo do vehículo

Unha muller de 73 anos faleceu e outra, de 52 anos resultou ferida ao ser atropeladas por unha furgoneta de repartición de pan na localidade pontevedresa da Cañiza.
Un particular alertou á central de emerxencias de que unha furgoneta de repartición de pan arroiara a dúas persoas en O Portonaval, na parroquia de Petán. Tratábase da falecida, que saira recoller o pan, e da propia panadeira.
O vehículo atopábase parado e sen condutor cando se desprazou marcha atrás e arroiou ás dúas mulleres. Ao ter coñecemento dos feitos, os operadores do 112 deron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense.
O médico do 061 só puido confirmar o falecemento da muller de 73 anos, mentres que a outra vítima foi trasladada na aeronave ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Os servizos sanitarios enviaron ao momento unha ambulancia de soporte vital básico e a un equipo de atención primaria. Tamén se desprazaron ata o lugar efectivos do GES-SPEIS de Ponteareas, que se encargaron de liberar ás dúas mulleres, axentes da Garda Civil e da Policía Local da Cañiza.