Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un incendio calcina unha vivenda no barrio de Cadeán, en Vigo

Un incendio calcina unha vivenda no barrio de Cadeán, en Vigo

Dous dos ocupantes tiveron que fuxir das lapas pola ventá

A madeira e o poliespán da casa fixeron de aceleradores das lapas

G24.gal 10/01/2024 13:38

Un incendio calcinou esta madrugada un chalé familiar no barrio de Candeán en Vigo. Os seus inquilinos puideron escapar do lume, pero a vivenda, feita de madeira, ardeu por completo. 

A Policía Científica e os bombeiros revisaban dende primeira hora da mañá o número 441 da avenida do aeroporto en Vigo. Unha vivenda que quedou totalmente desfeita polo incendio que comezou a media noite no cadro eléctrico da planta superior. 

Como conta un veciño, Joaquín Estévez, sucedeu todo moi rápido: "Espertei porque escoitei uns gritos fóra, e tamén comecei a ver luces de sirenas que entraban pola persiana. Entón levanteime un segundo mirar por se pasaba algo, e xa vin que polas ventás de arriba saía un montón de fume branco. Entón volvín ao cuarto para vestirme e baixar para ver se todo estaba ben, e en cousa dun minuto era todo lapas, estaba toda a casa en chamas e ardendo por todos os lados". 

Malia que a base é de formigón, toda a casa estaba revestida de madeira e illada con poliespán, o que fixo que as lapas se estenderan a toda velocidade. Dous dos ocupantes da casa tiveron que fuxir da planta superior cunha escaleira colocada dende o exterior. Un deles resultou ferido leve. 

O veciño engade que "por unha ventá vese que hai unha escaleira, non sei se saíron por alí ou pola entrada. Pero a casa é todo madeira, e o que se vía dende fóra eran chamas saíndo polas ventás. Os bombeiros intentábano, pero non se vía que o lume se fora apagando realmente. Estaban arrefriando a zona e humedecendo, pero ata que ardeu todo o de dentro non puideron facer moito máis, porque era todo de madeira". 

Segundo os bombeiros, desta casa só poderá manterse a estrutura de formigón, porque o resto quedou todo calcinado polas lapas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade