Un home atrinchéirase nun piso da Coruña tras realizar varios disparos
O home, de 45 anos, mantiña un conflito cos veciños dun edificio situado fronte ao seu
Non houbo detencións e a arma, finalmente, era de aire comprimido
A rúa Vila de Cee recuperou a normalidade tras permanecer acordoada durante varias horas
Un home, de 45 anos, atrincheirouse na súa vivenda no centro da Coruña despois de disparar varias veces cunha pistola contra o edificio de en fronte. Foi un mediador da Policía Nacional quen o convenceu para que se entregase. A rúa estivo acordoada durante varias horas.
O ruído dos disparos sorprendeu os veciños da rúa Vila de Cee, no barrio da Agra do Orzán. Ao parecer foran efectuados por dous homes que residen no número dezaseis.
Axiña se estableceu un forte dispositivo con diversos efectivos do grupo operativo especial de seguridade. Acordoaron a zona e impediron o paso aos transeúntes para evitar que alguén resultase alcanzado.
Un dos individuos saíu da vivenda ao pouco de chegar os axentes, pero o outro mantívose pechado no interior. A intervención dun mediador da policía logrou que se entregara arredor das catro da tarde, logo de varias horas atrincheirado.
Segundo transcendeu, os disparos foron efectuados cunha pistola de aire comprimido. Ninguén resultou ferido e no se produciu ningunha detención. A policía mantén aberta a investigación para aclarar todo o sucedido.