Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un gol de Chris Ramos no Sardinero dálle a primeira vitoria ao Lugo de Fran Justo

Un gol de Chris Ramos no Sardinero dálle a primeira vitoria ao Lugo de Fran Justo

O Lugo volve gañar lonxe do Anxo Carro tres meses despois

Coa vitoria o Lugo alcanza na táboa ao Rácing, que marca a permanencia

G24.gal 04/12/2022 18:13

O Lugo de Fran Justo xa gaña. Fíxoo no Sardinero diante do Rácing, rival directo pola permanencia, e que queda cos mesmos 18 puntos na clasificación.

A primeira metade foi igualada. O Lugo saiu mellor, intentando facerse coa posesión, pero sen crear ocasións claras. Co paso dos minutos, o Rácing foi recuperando terreo, e acabou por dominar. Pero o respecto dos dous equipos era moi grande, e as precaucións impuxéronse ao desexo de facer gol. As mellores accións deste treito do encontro foron para o racinguista Pombo.

Os últimos minutos desta primeira metade volveron ser do equipo de Fran Justo, que se estreaba no banco despois da sanción da estrea contra o Levante.

Na segunda metade, o Lugo aguantou ben as acometidas do rival e, aos poucos, foise arrimando á área local. Apareceu entón Chris Ramos, que tivo un par de ocasións claras antes de facer o gol do partido no minuto 60.

Nos últimos minutos, o Lugo non tivo excesivos atrancos para conservar a renda, excepto nun remate de Rubén Alves na compensación que parou Whalley. A vitoria é a primeira da era de Fran Justo no Lugo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade