Un club de atletismo reparte 138 millóns de euros do Gordo nas concas mineiras de Asturias
Parte do segundo premio quedou sen vender
O terceiro foi parar a uns 2.000 traballadores da empresa Tragsatec
Despois de Galicia, Asturias foi a comunidade máis beneficiada pola chuvia de cartos do Gordo da lotería de Nadal. Foron para o principado 148 millóns de euros. A maioría en participacións do club de atletismo de Mieres. 80.000 euros de premio por papeleta.
"Foron os nenos e nenas do club os que venderon as participacións. Está moi repartido polas concas mineiras de Aller, non val de Lena e no val de Mieres", explica o presidente da entidade deportiva.
O segundo premio da Loteria de Nadal vendeuse entre Xirona e Biscaia. Un número considerado feo que só comezou a ter saída cando xa non quedaban outros que elixir.
"Devolvemos parte do que tiñamos porque non había maneira de que ninguén o quixera", conta a loteira da administración bilbaína.
Con todo o segundo deixou máis de 70 millóns de euros na provincia de Biscaia e 56 en Olot, onde entre os afortunados hai moitos inmigrantes de orixe africana.
"Son cantante e cheguei a Europa nunha lancha en 2016 para mellora a miña vida", explica Ibrahim, un dos gañadores do segundo premio.
Outro inmigrante que leva 30 anos en España ensina orgulloso o seu décimo.
Pero para festa rachada a que deixou o terceiro premio entre o cadro de persoal da empresa pública Tragsatec en Madrid. Repartíronse 70 dos 90 millóns de euros do 45250.
"No medio do traballo un compañeiro comezou a bailar e démonos de conta de que saíra o número da empresa", explica unha muller.
Outro empregado conta que a empresa xoga dous número e que como non chega para todos só poden comprar unha participación de 10 euros. Entre os que celebraban no aparcadoiro de Tragsatec estaban os que gañaron 25.000 euros e os que elixiron mercar o número equivocado. Uns e outros nunca antes tiveran unha copa de Nadal tan animada na empresa.