Un camión derruba a balaustrada barroca do Bo Suceso en Fisterra
A capela levaba máis dun ano pechada por risco de desprendementos
A veciñanza demanda unha reparación integral do templo
A retirada dun colector de obra provocou danos importantes na capela fisterrá do Bo Suceso. Unha mala manobra coa grúa derrubou parte da balaustrada na fachada principal. "Un perigo -di un veciño-, porque a pedra está sobre o cruceiro e iso pode caer en calquera momento".
A Policía Local deixou precintada a zona por se houbese desprendementos. E xa non sería a primeira vez: a capela xa estaba clausurada por outro incidente, hai algo máis dun ano: desprendeuse unha das bolas de pedra que ornamentan a torre e, segundo relatan os veciños, rompeu un brazo do cruceiro e caeu enriba dun coche, provocándolle danos.
"E iso foi pola oxidación do ferro que fai de eixe, así que non sería estraño que se producisen outros desprendementos", explica o presidente da asociación de veciños de Fisterra, José Fernando Carrillo. Quéixanse do mal estado da capela, que data do século XVIII. Din que a auga corre por baixo e por dentro, e que urxe unha reparación integral. De momento xa está tramitándose o arranxo da balaustrada. Faise cargo dos danos o seguro do camión que a derrubou.
Reivindican o seu valor histórico e artístico, e tamén a tradición que ten esta capela no pobo. "Hai moita devoción á Virxe do Bo Suceso, é unha festa que se celebra por todo o alto", explica Carrillo.