Un autobús escolar sofre un accidente en Bergondo con 11 nenos dentro
Afortunadamente non houbo feridos
Un autobús escolar sofre unha saída de vía en Bergondo sen rexistrarse persoas feridas.
O accidente produciuse na DP-0801, no punto quilométrico aproximado 1,5, ao seu paso por Rois, no concello de Bergondo.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso a través do aviso dos efectivos de Protección Civil de Bergondo.
No interior do vehículo non había persoas feridas, pero si ocupantes que non podían saír debido a que a posición do autobús bloqueaba as portas.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Betanzos e da Garda Civil.
Unha vez no lugar, os bombeiros tiveron que retirar terra acumulada na zona das portas para facilitar a súa apertura e poder liberar os once menores e os seus acompañantes.