Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un dos 17 feridos no atropelo múltiple xunto ao estadio do Español, en estado crítico

Un dos 17 feridos no atropelo múltiple xunto ao estadio do Español, en estado crítico

Tres foron atendidos in situ, 13 trasladados a hospitais, e un acudiu polos seus medios a un centro sanitario

Fontes da policía autonómica catalá informaron de que o atropelo se produciu de forma accidental despois de que unha persoa perdera o control do seu vehículo

A condutora deu negativo en alcol e drogas

 

(Xavi Hurtado/Europa Press)
G24.gal 15/05/2025 21:52 Última actualización 16/05/2025 14:17

Os Mossos d'Esquadra detiveron a condutora do atropelo accidental no exterior do RCDE Stadium antes de xogarse o derbi entre o Español e o F. C. Barcelona. No atropelo, un total de 17 persoas quedaron feridas, e unha delas atópase en estado crítico.

Catro pacientes seguen ingresados en centros hospitalarios. Un deles, de 41 anos, permanece na UCI en estado grave. O resto de feridos xa recibiron a alta. 

Todo iso ocorreu despois de que unha muller perdera o control do vehículo que conducía, un Peugeot 208 branco, levando por diante os afeccionados que estaban concentrados nas inmediacións do estadio.

O Sistema de Emerxencias Médicas informou da activación de 11 unidades que atenderon 16 persoas afectadas polo accidente. Tres persoas foron atendidas in situ, mentres que outras 13 foron trasladadas a centros sanitarios. Houbo un ferido máis que acudiu directamente a un centro sanitario polos seus propios medios, polo que o balance final é de 17 afectados.

Un dos feridos é fillo do alcalde de Badalona, Xavier García Albiol. Fontes próximas ao alcalde explicaron que o coche pisou o pé do seu fillo, pero engaden que se atopa ben. O mesmo Albiol desprazouse ata alí e logo ata o hospital Sant Joan de Déu.

Os vídeos dos móbiles dos que estaban nas inmediacións do estadio de fútbol de Cornellá deixan constancia da tensión do momento do atropelo masivo. Minutos antes do derbi entre o Español e o Fútbol Club Barcelona, un coche, branco, accede a unha rúa ao lado do estadio, que non adoita pecharse ao tráfico, pero pola que tamén se podía circular a pé.

O coche acaba rodeado de centos de persoas. Parece que hai un momento de tensión, de increpacións mutuas entre a condutora e os afeccionados. Ante a acumulación de xente, a muller elixe acelerar. Parece que deixou atrapado baixo o vehículo un mozo, outros trataron de levantar o coche, ela acelerou máis.

O partido detívose arredor do minuto 9 polas peticións da bancada, tras recibir a noticia do atropelo. Minutos despois, a través da megafonía, o club cualificaba o ocorrido de accidente, e o árbitro rioxano César Soto Grao, tras falar cun representante dos Mossos e cos delegados e membros de ambos os equipos, indicou que se retomase o encontro.

Tras o suceso, a policía catalá abriu unha investigación para aclarar os feitos, pero, de momento, os Mossos d'Escuadra entenden que o atropelo foi un accidente, que a muller que ía ao volante, de 34 anos, acelerou repentinamente nun momento de confusión e de certo pánico. 

A condutora, que está á espera de pasar a disposición xudicial, deu negativo nas probas de alcol e drogas. Tomaranlle declaración nas próximas horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade