Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un ano despois do naufraxio do Villa de Pitanxo seguen sen clarexar as causas do accidente

Un ano despois do naufraxio do Villa de Pitanxo seguen sen clarexar as causas do accidente

As familias din que inspeccionar o barco afundido vai ser clave na investigación

G24.gal 15/02/2023 19:54 Última actualización 15/02/2023 20:36

Non houbo un día de descanso para os familiares dos 21 mariñeiros mortos no naufraxio do Villa de Pitanxo. 

Pasou un ano e aínda non se sabe con certeza que pasou aquel fatídico 15 de febreiro en augas de Terra Nova.

A investigación segue aberta, e as declaracións dos tres únicos superviventes na Audiencia Nacional son contraditorias.

A versión do patrón e da armadora, que están investigados por homicidio imprudente e por delitos contra a seguridade dos traballadores, apunta a unha parada repentina do motor. Samuel Kwesi, un dos mariñeiros, desmonta esa teoría e mantén que o barco embarrou e que o capitán se negou a cortar os cables, o cal causou o naufraxio.

A pelexa das familias é conseguiren que se inspeccione o barco afundido para intentar clarexar as circunstancias do accidente. E por se houbese algunha posibilidade de recuperar restos dalgún dos doce mariñeiros que nunca apareceron.

Un paso que o Goberno anuncia para o próximo verán.

"Sabemos que está licitado, pero non sabemos nada máis. Non sabemos que se vai atopar e para que pode servir, iso terano que decidir os técnicos e o xuíz. Pero nós pensamos que todo o que se atope ten que utilizarse para saber a verdade", di María José do Pazo, filla dun mariñeiro desaparecido.

"Aínda que pasaron moitos meses hai que facelo, é un punto de inflexión, para nós e para o mundo do mar", di Kevin González, fillo dun falecido no naufraxio.

O que xa se fixo nun laboratorio foi unha reconstrución a escala do naufraxio do Villa de Pitanxo, recreando as condicións en que se produciu. Pero os resultados non se van coñecer ata a última fase da investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade