Últimos días do servizo da ORA en Ourense, que quedará suprimida o 1 de xaneiro
O Concello toma esta decisión porque di que achega pouco economicamente e que é un sistema anticuado
Na rúa hai opinións diversas sobre unha medida que deixará nove traballadores sen emprego
A xente pide algunha medida alternativa para poder aparcar os coches como os aparcadoiros disuasorios
Últimos días para pagar o tícket da ORA na cidade de Ourense, porque a partir do día 1 de xaneiro quedará suprimido o servizo nas zonas azuis, tal como anunciou o Concello. E que pensa a xente?
"Se despois poñen aparcadoiros disuasorios para poder aparcar ben, pois non estaría mal".
"Nunca debeu de estar, non ten moito sentido, porque ademais nunca funcionou como teoricamente debería funcionar, nunca houbo rotación".
"Malo, porque quedan sen postos de traballo, polo resto, ben e non ben, porque hai xente que poría o coche aí toda a mañá e da outra maneira entran e saen".
"Moi ben, tan sequera vés e non estás pagando nin esperando que te multan ou non te multan, se o quita, mellor".
"Non me parece nin ben nin mal, o que pasa, se unha cousa vai unida á outra, non sei porque sacan a ORA e deixan o guindastre, porque che van levar o coche igual".
En xeral din que falta información e que lamentan o despedimento de nove taballadores da empresa concesionaria.
"Que pasa con eses traballadores que están na ORA, e nós non sabemos nada tampouco, que se elimina isto, e que é o que se pon? Imos ao 'parking' todos? Pois se é así que o digan".
"Non me parece moi lóxico cando non hai nin aparcadoiros e a xente que estaba traballando niso, queda na rúa sen aviso ningún".
Agora quedaban xa pouco máis de 700 prazas de ORA en toda a cidade de Ourense, hai uns 20 anos había máis de mil. Unha medida obsoleta, segundo o Concello, pero a xente pide alternativas para aparcar.
"Que fagan uns aparcadoiros en condicións, que non cobren, que iso é o peor, porque se non onde metes o coche, na cama?".
"Eu penso que é a única cidade que a ten, Pontevedra e por aí non hai ORO, pero vamos teñen aparcadoiros, e aquí non hai nin un aparcadoiro sequera".