Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ucraína repara os danos na rede eléctrica pero Rusia segue atacándoa

Ucraína repara os danos na rede eléctrica pero Rusia segue atacándoa

Aínda que Kíiv volve ter luz e auga, hai 1.400.000 persoas con restricións no país

G24.gal 27/11/2022 13:46 Última actualización 27/11/2022 14:17

A maior parte da poboación residente en Kíiv volve ter luz e auga. A nova chega nunha xornada en que se agardan nevaradas na capital, con dous graos baixo cero de día e menos cinco de noite.

Volodímir Zelenski pediulle á cidadanía que aforre enerxía. Explicou que aínda hai catorce rexións no país con restricións, que afectan arredor dun millón e medio de consumidores.

No campo de batalla, o ritmo das operacións baixou polas condicións climáticas, segundo o Instituto norteamericano para o Estudo da Guerra, que cre, porén, que volverán aumentar cando descendan aínda máis as temperaturas e o chan se conxele.

Con todo, na fronte agora máis dura, a de Donetsk, no leste, a intelixencia británica non espera moitos cambios. Ve improbable que Rusia concentre forzas suficientes para lograr avances importantes. Nas últimas semanas, de combates intensos, pouco territorio cambiou de man.

No sur, a liberación de Khersón non é garantía aínda de seguridade para a cidadanía. Ucraína di que xa morreu unha trintena de persoas por ataques aéreos rusos desde que as forzas do Kremlin se retiraron da cidade, hai pouco máis de 15 días.

Kíiv denuncia tamén que Moscova deportou pola forza máis de 12.000 menores ucraínos desde o inicio da invasión. Cifra en 440 os pequenos mortos e di que son centos os que están desaparecidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade