Os frouxos resultados nas lexislativas non frean as aspiracións de Trump
Os frouxos resultados nas lexislativas non frean as aspiracións de Trump
Está previsto que o líder republicano anuncie nova campaña presidencial esta semana
As eleccións lexislativas nos Estados Unidos demostran que a marca política de Donald Trump perde forza. Aínda así, está previsto que o líder republicano anuncie nova campaña presidencial esta semana. Será o martes pola noite, dende a súa mansión da Florida.
Os resultados dos comicios non semellan ser un obstáculo para o expresidente. Dos catorce candidatos máis importantes que apoiou, sete gañaron e sete perderon. As voces do partido republicano culpan dos frouxos resultados a súa retórica incendiaria e as súas conspiracións.
É certo que, nunhas midterms (eleccións de medio mandato), a oposición adoita gañar con rotundidade ao partido no poder. Porén, todo apunta a que existen outras razóns que xustifican a súa potencial campaña presidencial.
Se o Departamento de Xustiza imputa a Donald Trump polo uso irresponsable e posiblemente ilegal de documentos de alto segredo, a súa candidatura á presidencia podería protexelo politicamente deste proceso.
Reconto de votos
Polo momento, só sete escanos separan o Partido Republicano de arrebatarlles o control da cámara de representantes aos demócratas, nunhas eleccións nas que o reconto de votos avanza lento.
As proxeccións dos medios estadounidenses do venres sinalan que os conservadores contan con 211 escanos dos 218 necesarios para ter a maioría na cámara baixa, mentres que ao Partido Demócrata outórganlle entre 191 e 198 escanos, aínda lonxe de alcanzar a maioría necesaria para manter o control.
No Senado, acarician a vitoria tras gañar en Arizona e avanzar en Nevada.