Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump sobre ata onde está disposto a chegar por Groenlandia: "Xa o verán"

Trump sobre ata onde está disposto a chegar por Groenlandia: "Xa o verán"

O presidente dos EUA insiste no seu plan para anexionar Groenlandia e ameaza con castigar con aranceis os oito países europeos que enviaron tropas a este territorio autónomo

Reuters Reuters
G24.gal 21/01/2026 08:30

O presidente dos EUA Donald Trump insistiu este martes no seu desexo de anexionar Groenlandia. Nunha comparecencia de prensa de case dúas horas na Casa Branca con motivo do seu primeiro ano desde que regresou ao poder, reafirmouse no seu plan para facerse coa illa e castigar con aranceis os oito países que enviaron tropas a este territorio autónomo, que depende da coroa danesa. Ao ser preguntado sobre ata onde estaría disposto a chegar para adquirir a illa, respondeu dicindo: "Xa o verán".

O mandatario norteamericano mantense firme nos seus plans para facese con Groenlandia, aínda que conseguilo supoña represalias por parte de Europa. Alleo á negativa da inmensa maioría da poboacion da illa, que nas sondaxes se amosa en contra de formar parte dos EUA, o republicano está convencido de que esta percepción mudará e que, unha vez fale coas autoridades deste territorio, a cidadanía se amosará a favor do seu proxecto. "Aínda non falei con eles, pero estou seguro de que cando o faga estarán encantados", asegura.

Trump restou importancia ás posibles represalias por parte de Europa, moi enfadada ante as ameazas vertidas polo presidente estadounidense. Bruxelas non desbota suspender o acordo comercial subscrito con Washington entre xuño e agosto do ano pasado ou utilizar o instrumento anticoerción dos Vinte e sete, tamén coñecido como o bazooka comercial.

Pero o magnate neoiorquino mantense firme e pon en dúbida que empresas europeas acaben renunciando aos seus plans de investimento nos EUA se Washington impón aranceis ás oito nacións que enviaron tropas a Groenlandia (Dinamarca, Noruega, Suecia, Francia, Alemaña, Reino Unido, Países Baixos e Finlandia).

"Miren, eles necesitan moito ese acordo connosco. Loitaron moito para conseguilo, así que xa veremos que pasa", sostén Trump.

Entrementres, continúa coa súa axenda. "Temos moitas reunións programadas sobre Groenlandia. Vou esta noite a Davos,  e creo que as cousas van saír bastante ben". Este mércores, o republicano participa no Foro Económico Mundial de Davos e o xoves asinará a carta fundacional da Xunta da Paz, o órgano que debe supervisar o seu plan de paz para Gaza, que pretende ser a folla de ruta para outros conflitos internacionacionais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade