Trump gardaba centos de documentos clasificados nun baño da súa mansión
Trump gardaba centos de documentos clasificados nun baño da súa mansión
Segundo o escrito de acusación, tamén amontoaba papeis oficiais nun dormitorio, un salón de baile e nunha ducha

Os Arquivos Nacionais dos Estados Unidos lémbranlle ao expresidente Donald Trump (2017-2021) que tiña a obriga de devolver os documentos oficiais ao abandonar a Casa Branca e que as fotocopias tamén se inclúen nesa categoría.
Nun comunicado, desmenten unha vez máis o exmandatario, imputado por levar documentos clasificados á mansión que ten na Florida tras abandonar o poder. Trump alegara estar autorizado en virtude dunha lei sobre rexistros presidenciais.
Os Arquivos Nacionais subliñan que a lei sobre rexistros presidencias, aprobada en 1978, establece a entrega de todos os documentos oficiais orixinados durante unha Presidencia ou Vicepresidencia ao final do mandato, que quedan baixo a súa custodia.
Non hai ningunha cláusula, especifica, que permita levar eses papeis durante un tempo determinado e, no caso de darse conta de conservar algún, deben comunicalo.
Tamén salienta que o expresidente republicano, tras abandonar o cargo, non transmitiu ningunha intención de doar documentos á Biblioteca Presidencial ou de crear unha no seu nome, polo que non hai razóns para que a mansión fose considerada unha instalación temporal da mesma.
Salón de baile, cuarto, baño e ducha
De acordo co escrito de acusación, dado a coñecer este venres, Trump levou centos de documentos clasificados, incluídos segredos nucleares, que almacenou en varios puntos da súa mansión de Mar-a-Lago (A Florida), como un dormitorio, un salón de baile, un baño e unha ducha.
