Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trump critica a declaración da súa filla Ivanka sobre a toma do Capitolio

Trump critica a declaración da súa filla Ivanka sobre a toma do Capitolio

Recoñeceu que non pensaba que houbese fraude nas eleccións presidenciais de 2020

Imaxe do asalto ao Capitolio Imaxe do asalto ao Capitolio
G24.gal 11/06/2022 09:17

O expresidente estadounidense Donald Trump criticou a súa filla Ivanka polos comentarios que fixo nun interrogatorio do comité que investiga o asalto ao Capitolio do 6 de xaneiro de 2021, coñecidos na primeira audiencia pública desa comisión.

O exmandatario pronunciouse na rede social que creou tras ser expulsado de Twitter e que leva o nome de "Truth" (Verdade). Os investigadores amosaron, nunha gran pantalla, un extracto do interrogatorio a Ivanka, que compareceu de xeito voluntario.

Na gravación, a filla do mandatario recoñecía por primeira vez que non pensaba que houbese fraude nas eleccións presidenciais de 2020, como aínda sostén o seu pai, perdedor dese comicios fronte ao demócrata e actual presidente, Joe Biden.

En concreto, preguntáronlle a Ivanka pola perspectiva do entón fiscal xeral William Barr, quen lle comunicara a Trump en varias ocasións que non había fraude. "Influíu na miña perspectiva", dixo Ivanka.

Interrogada sobre se a insistencia de Barr acerca da lexitimidade das eleccións cambiara a súa visión sobre a existencia de fraude, a filla favorita de Trump contestou: "Respecto o fiscal xeral Barr, así que aceptei o que estaba a dicir".

En resposta, Trump alegou que a súa filla non participara na observación ou no estudo dos resultados electorais.

"Ela estaba fóra desde había tempo e, na miña opinión, só estaba a tratar de ser respectuosa con Bill Barr e coa súa categoría de fiscal xeral", considerou o expresidente, que rematou a mensaxe dicindo 'apesta!'".

O exfiscal xeral tamén respondeu de xeito voluntario as preguntas do comité e, durante a audiencia, proxectouse un extracto da súa comparecencia na que describía as mentiras de Trump sobre fraude como "pura merda".

Investigación do asalto

A primeira audiencia do comité que investiga o asalto ao Capitolio tivo lugar na noite do xoves, en horario de máxima audiencia, e foi retransmitida en directo polas principais cadeas de televisión do país, nun intento por impactar na opinión pública estadounidense.

Case 20 millóns de persoas seguiron as audiencias a través da televisión en Estados Unidos, onde viven uns 320 millóns, segundo cifras preliminares dadas a coñecer este venres pola consultora Nielsen.

O 6 de xaneiro de 2021, unhas 10.000 persoas -a maioría simpatizantes de Trump- marcharon cara ao Capitolio e unhas 800 irromperon no edificio co obxectivo de interromper a sesión parlamentaria na que ía certificarse a vitoria de Biden nas eleccións.

Cinco persoas morreron, entre elas un oficial tras sufrir un infarto horas despois do asalto, e preto de 140 axentes foron agredidos. Ademais, catro policías suicidáronse con posterioridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade